
Monforte de Lemos, 22 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da adquisición do edificio de Sargadelos, situado na Praza de España, número 2, a carón da Casa da Cultura Lois Pereiro. A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, 17 de novembro, deu luz verde definitiva á compra deste inmoble, por un importe de 300.000 euros.
O edificio, xa propiedade do Concello de Monforte de Lemos, forma parte do ámbito do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, declarado Ben de Interese Cultural, e pasará a formar parte do inventario municipal de bens.
Trátase dunha edificación (baixo +3) entre medianeiras e sen parcela traseira, con entrada dende a Praza de España. A súa construción data do ano 1974 e atópase en bo estado de conservación. Dispón de planta baixa e planta primeira destinada a comercio no último uso do edificio que fora propiedade de Sargadelos, e planta segunda e terceira nas que se situaban as oficinas.
A superficie do solo é de 106 m2 e conta con 402 m2 construídos distribuídos do seguinte xeito: 106 m2 na planta baixa, 100 m2 na planta primeira, 98 m2 na segunda e 98 m2 na terceira.
A normativa urbanística de aplicación a este inmoble é o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, aprobado definitivamente en novembro de 2020, e de aplicación dende o 26 de abril de 2021. O uso que se lle dea no futuro á edificación está por concretar. Neste senso, o Alcalde avanza que “o destino está aínda está por definir con exactitude, pero case seguro que contribuirá a reforzar as dotacións culturais do Concello de Monforte”.