A campaña de sensibilización que promove o Concello para mellorar a xestión dos residuos orgánicos visitou o campo da feira

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2025. A campaña de sensibilización “RecicLemos de xeito sostible” impulsada polo Concello de Monforte para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no noso municipio, fixo este luns parada no recinto do mercado gandeiro, onde se celebrou a tradicional feira do día 24.

Nunha carpa instalada no recinto informouse aos interesados sobre a separación de residuos e recolléronse solicitudes de composteiros domésticos que o Concello entrega de balde aos veciños e veciñas con hortas ou parcelas cunha superficie mínima de 25 m2 no termo municipal monfortino. Trasladouse tamén información sobre o kit doméstico para separar os residuos orgánicos que tamén entrega de balde o Concello.

Deste xeito, o Equipo de Goberno afianza a súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica para cumprir cos requisitos marcados desde a Unión Europea, xa que case a metade do lixo que producimos nas nosas casas a diario son residuos orgánicos.

Estas accións continuarán nos vindeiros meses nas rúas do municipio e tamén nos centros educativos co obxectivo de chegar a toda a veciñanza e de sensibilizar á xente nova das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón.

 

Solicitudes e formularios online

As persoas e queiran darse de alta na campaña, poderán facelo ‘in situ’ nas carpas informativas que se instalarán nas rúas nas vindeiras semanas. Tamén poden rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.

Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción. 

No caso dos composteiros, as solicitudes poden facerse tamén nas carpas informativas, no teléfono do Concello  982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.

 

Requisitos para obter un composteiro

Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que o vaian instalar se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie.

Os usuarios e usuarias teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente este composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.