
Monforte de Lemos, 26 de novembro de 2025. O Edificio Multiusos de Monforte acolle este xoves, 27 de novembro, ás 20.15 horas, unha nova cita co teatro para público adulto organizada polo Concello de Monforte dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Neste caso, a representación está coordinada pola Concellería de Muller e Igualdade a través de Centro de Información á Muller, CIM, e forma parte das actividades conmemorativas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A obra é “Insubmisa”, da compañía Antagonista Teatro, escrita por José Vaquero e dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez. O elenco artístico está formado por Iria Sobrado, José Vaquero e Javier Octavio de Toledo.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
Sinopse
Poida que cometese un crime terrible. Pero a cuestión agora non é a súa culpabilidade, senón o seu estado mental. Non basta con declarala culpable. Ademais, debe quedar claro que é unha enferma, unha demente. Ninguén durmirá tranquilo mentres pensemos que pode existir alguén así. De xeito que ela permanece encerrada para ser avaliada.
Trátase dun centro moderno onde a profesionalidade é incuestionable. E o autor do seu diagnóstico é un psicólogo intelixente que non está disposto a deixarse levar. Pero ela é demasiado complexa e fascinante como para etiquetala. Nin o amor é cárcere suficiente para contela. Defraudar todas as expectativas é a única vía para acadar unha liberdade que depende daqueles que escriben a súa historia.
“Insubmisa” é unha avaliación sobre as posibilidades reais de ser libre máis aló de etiquetas individuais ou de xénero.
Programa teatral do último trimestre
Esta proposta cultural forma parte da programación de teatro organizada polo Concello para o último trimestre de 2025 a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación Provincial de Lugo.
As citas nas vindeiras semanas son as seguintes:
Xoves 4 de decembro, 20:15 h / Edificio Multiusos
“Helen Keller, a muller maravilla?”, de Chévere Teatro, integrada tamén nos actos do 25-N.
Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte
Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 € – Público adulto
Xoves 11 de decembro, 20.30 h / Edificio Multiusos
“María Visitación Consolación Amadora”, do grupo Loia Producións
Circuíto Teatro Profesional / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Público a partir de 15 anos
Sábado 20 de decembro, 20.00 h / Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro
“O boleto”, do Grupo de Teatro Viraventos, de Monforte
Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Todos os públicos