O Alcalde asina un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para investir 7,9M€ na mellora do saneamento de Monforte

Monforte de Lemos, 1 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, un convenio de colaboración entre ambas institucións que compromete unha inversión de 7,9M€ en actuacións de saneamento integral no municipio de Monforte de Lemos. O acto tivo lugar hoxe, 1 de decembro, ás 11.30 horas, na Sala de Xuntas do Concello de Monforte.

Este acordo de colaboración dá continuidade ás actuacións contempladas no plan director para a marxe do río Cabe, resolvendo tamén o problema de alivios non autorizados no Parque dos Condes. Trátase, concretamente, da terceira fase de intervención na mellora do saneamento impulsada por José Tomé desde a súa chegada ao Goberno Local no ano 2015.

“Unha das preocupacións dende que cheguei á Alcaldía é a de mellorar o saneamento da nosa cidade, que viña padecendo unhas importantes carencias dende fai anos, sen que se asumiran a realización de obras de mellora de xeito continuado que lle deran unha solución integral aos problemas do saneamento”, indicou o rexedor.

Neste senso, o Alcalde recordou que nestes anos leváronse a cabo numerosas actuacións tanto directamente polo Concello de Monforte, como a través de convenios con outras administracións, “salvo a Xunta de Galicia, que non quixo participar nos convenios que viñemos asinando coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil; nin co anterior presidente, nin co presidente actual”, apuntou Tomé. Concretamente, referiuse aos acordos asinados coa CHMS para o desenvolvemento das dúas fases previas: un primeiro por importe de 1,4M€, e o segundo, por 2,4M€. “Coas liquidacións superaron os 4M€”, sinalou o Alcalde.

O convenio asinado este luns achega unha inversión para mellora do saneamento que suma 7,9 millóns de euros distribuídos en 4 anualidades, dos cales o Concello aporta case 400.000 euros, concretamente 390.000, e a Confederación Hidrográfica 7.505.000 euros. “Soamente ver que a inversión ascende a case 8 millón de euros, da boa mostra da importancia das melloras que imos acometer no saneamento de Monforte”, incidiu o rexedor, indicando tamén que coas liquidacións esta contía superará os 8 millóns.

 

Actuacións incluídas no convenio

As actuacións incluídas no presente convenio dan continuidade a eliminación de augas limpas que entran na rede de saneamento na marxe esquerda do río Cabe e suman a construción no aparcamento do Parque dos Condes, xunto ao edificio dos Escolapios, dun DSU-Sistema de Descarga Unitaria (tanque de tormenta), ademais dun novo interceptor con sección suficiente que permita evacuar as augas residuais que chegan ao Parque dos Condes ata o novo DSU. No referente á eliminación de augas limpas, o Alcalde explicou que o proxecto construtivo definirá con exactitude a zona de intervención.

 

Unha inversión fundamental

“Este convenio que asinamos hoxe é fundamental para a mellora ambiental do entorno fluvial do río Cabe, xa que con estas actuacións eliminaremos definitivamente os alivios non autorizados no Parque dos Condes, e seguimos mellorando o saneamento da cidade de Monforte”, valorou o Alcalde.

Neste senso, quixo agradecer ao Presidente da CHMS “a sensibilidade que ten para atender as demandas que lle fago como Alcalde, o que demostra que tanto o Concello de Monforte como a Confederación somos conscientes da importancia que teñen estas iniciativas para seguir mellorando a calidade da depuración, e polo tanto, tamén a calidade das augas do Río Cabe”.