O Alcalde anuncia a celebración de dous novos obradoiros interxeracionais este Nadal dentro do Programa Activa

Monforte de Lemos, 3 de decembro de 2025. Mellorar as competencias dixitais e elaboración de adornos de Nadal. Son as dúas actividades que este Nadal poderán compartir avós e netos a  través dos obradoiros interxeracionais que oferta o Concello de Monforte no marco do Programa Activa 2025-2026.  O Alcalde, José Tomé, anunciou este mércores unha nova edición desta iniciativa e a apertura do prazo de inscrición ata o vindeiro 17 de decembro. O principal obxectivo, destaca o rexedor, “é fortalecer os lazos entre as persoas maiores e as máis novas, ao tempo que netos e avós comparten unha actividade durante as vacacións de Nadal”.

Esta nova edición chega con dúas propostas. Por unha banda, o obradoiro AV@S 3.0, enfocado a mellorar o manexo das novas tecnoloxías das persoas maiores aproveitando os coñecementos dos máis novos. Esta actividades levarase a cabo en dúas xornadas, os días 22 e 29 de decembro de 2025, en horario de 11.00 a 13.00 horas, no Centro Cívico Social. Está dirixido aos avós e avoas e os seus netos e netas de 7 a 16 anos, que sexan veciños do Concello de Monforte de Lemos.

Este obradoiro pretende dotar aos maiores das competencias necesarias para un desenvolvemento básico nas inmensas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, e aos rapaces e rapazas de 7 a 16 anos na adquisición de hábitos de responsabilidade e implicación en tarefas asumidas como propias. Todo elo favorecendo as relacións interxeracionais.

Aspectos como o funcionamento do teléfono móbil, o correo electrónico, navegar por internet, a cámara fotográfica... son ferramentas indispensables para relacionarse coa contorna que os mozos manexan diariamente, pero que non todas as xeracións, especialmente as maiores, manexan coa mesma habilidade.

Tanto a Concellería de Servizos Sociais como o Alcalde apostan polo empoderamento das persoas maiores veciñas do Concello de Monforte sendo conscientes dos beneficios que aportan estas relacións interxeracionais, especialmente no colectivo dos maiores, tales como a redución da perda de memoria, a sintomatoloxía depresiva, a soidade e o illamento, e tamén do incremento da satisfacción coa vida, tal e como avalan investigación realizadas.

Por outra banda, desenvolverase o obradoiro interxeracional de Adornos de Nadal que terá lugar o 23 de decembro, de 17.00 a 19.00 horas, no Centro Cívico Social. Esta actividades está  dirixida tamén a avós e avoas e netos e netas con idades de 5 a 16 anos veciños do Concello de Monforte. Neste caso, ambas xeracións compartirán unha tarde de manualidades elaborando xuntos os adornos navideños para decorar os seus fogares.

 

Inscrición e requisitos

Ambos obradoiros son gratuítos e o prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de decembro, ás 14.00 horas. As persoas interesadas poden anotarse na Secretaría dos Servizos Sociais, onde terán que cubrir a solicitude e achegar o DNI.

Os requisitos das persoas participantes son os seguintes:

•   Estar empadroados no Concello de Monforte.

•   Ter relación de parentesco en 2º grao (avós/netos) e cumprir a idade establecida no caso das persoas menores.

•   Para o obradoiro Av@s 3.0 ter un dispositivo móbil con Android.

 

Máis información no teléfono 982 416 541.