
Monforte de Lemos, 3 de decembro de 2025. O Edificio Multiusos de Monforte acolle este xoves, 4 de decembro, ás 20.15 horas, unha nova cita co teatro para público adulto organizada polo Concello de Monforte dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Neste caso, a representación está coordinada pola Concellería de Muller e Igualdade a través de Centro de Información á Muller, CIM, e forma parte das actividades conmemorativas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A compañía Chévere Teatro presenta “Hellen Keller, a muller marabilla?”, unha obra dirixida por Xrom e cun elenco artístico formado por Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo, que aborda a vida de Hellen Keller, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os 7 anos.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de 5 euros e 3 euros para desempregados, xubilados e estudantes.
Unha obra inclusiva en lingua de signos e lingua oral
Esta obra usa simultaneamente a lingua de signos e a lingua oral, sendo accesible para público oínte e público xordo signante. Así mesmo, a función conta con servicio de audiodescrición.
As personas xordocegas que queiran asistir á función poden solicitar previamente o material de apoio contactando coa Delegación de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.
Así mesmo, as persoas con discapacidade visual terán acceso a un paseo táctil polo escenario unha hora antes da función para recoñecer o espazo e poder tocar elementos da escenografía, utillería e vestiario, guiados polas propias actrices. Pódese solicitar praza para este paseo táctil contactando tamén coa Delegación de Cultura.
Sinopse
Todo comeza cando Chévere Teatro descubre unha muller, totalmente descoñecida para eles, chamada Hellen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os sete anos.
Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que sabemos, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos imos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que os logros de Hellen Keller son falsos, incluíndo unha petición en change.org para eliminala da historia.
Este negacionismo actual desencadea a curiosidade necesaria para abordar a súa historia e compartila co público. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega?
Programa teatral do último trimestre
Esta proposta cultural forma parte da programación de teatro organizada polo Concello para o último trimestre de 2025 a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación Provincial de Lugo.
As citas nas vindeiras semanas son as seguintes:
Xoves 11 de decembro, 20.30 h / Edificio Multiusos
“María Visitación Consolación Amadora”, do grupo Loia Producións
Circuíto Teatro Profesional / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Público a partir de 15 anos
Sábado 20 de decembro, 20.00 h / Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro
“O boleto”, do Grupo de Teatro Viraventos, de Monforte
Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte
Entrada gratuíta – Todos os públicos