
Monforte de Lemos, 6 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, celebra o éxito de participación acadado no circuíto de obradoiros de cociña de outono en formato ‘showcooking’ que se desenvolveu nas últimas semanas en diversos locais das parroquias do municipio. Decenas de veciños e veciñas das localidades do rural monfortino asistiron ás actividades e amosaron a súa satisfacción coa iniciativa organizada e financiada polo Concello con axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
O obxectivo do Equipo de Goberno con esta proposta é dinamizar o rural creando espazos de encontro veciñal e impulsando actividades de interese e posta en valor dos recursos do territorio e da nosa riqueza gastronómica. “Con estes obradoiros que se desenvolveron nos locais sociais acadamos este obxectivo, enchendo os locais de reunión e de encontro nas parroquias, por iso desde o Concello queremos agradecer aos veciños e veciñas a súa participación”, apuntou o Alcalde.
O circuíto arrincou o venres 21 de novembro en Santa Mariña do Monte e rematou este venres, 5 de decembro, no local social de Sindrán, despois de pasar por A Penela, Chao do Fabeiro, Seoane e Distriz.
Os talleres, de dúas horas de duración, foron impartidos por un chef profesional que amosou aos veciños e veciñas diferentes receitas elaboradas con produtos de outono: cogomelos, castañas, produtos locais e outros sabores do bosque. Os asistentes coñeceron diferentes elaboracións e técnicas culinarias en directo. Ao remate das ‘showcooking’, compartiron as tapas elaboradas.
