O Multiusos acolleu a XXV Mostra de Panxoliñas a cargo de alumnado dos centros de ensino de Monforte

Monforte de Lemos, 19 de decembro de 2025. As voces dos nenos e nenas de diferentes de centros educativos de Monforte soaron este xoves no Edificio Multiusos na tradicional Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino de Monforte de Lemos, que celebrou a súa 25 edición. Desde as 18.00 horas, alumnado das etapas de Infantil, Primaria e ESO interpretaron con grande éxito as composicións musicais de Nadal que ensaiaron durante as últimas semanas.

A Concelleira de Cultura e Ensino, Marina Doutón, foi a encargada de presentar o festival, ao que asistiron tamén, en representación do Equipo de Goberno, o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; o de Deportes, José Manuel Mougán; a Concelleira de Comercio, Regina López, e a de Muller e Igualdade, Margarita López.

O certame, organizado polo Concello de Monforte dentro do Programa de Nadal 2025-2026, contou coa participación dos centros educativos CEIP Monforte, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio PP Escolapios e Colexio P. Ferroviario.

Como en anos anteriores, a mostra encheu o Edificio Multiusos de público para desfrutar do repertorio de panxoliñas interpretado polas voces corais de alumnado de diferentes idades.

 

Festival de Nadal do Conservatorio

Continuando co Programa de Nadal organizado polo Concello de Monforte, o Multiusos acolle esta tarde, ás 20.00h, o Festival de Nadal do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez, a cargo do alumnado e profesorado do centro nas súas diversas especialidades: saxofón, violín, clarinete/flauta, percusión, vento metal, así como coro e orquestra. Interpretaranse pezas de temática navideña, ademais de obras de autores clásicos e modernos.