Monforte de Lemos, 19 de decembro de 2025. A Praza de Abastos de Monforte está xa preparada para acoller esta fin de semana unha nova edición do Mercado de Nadal, unha actividade impulsada polo Concello que busca dinamizar o comercio de proximidade, fomentar as compras no comercio local e as actividades en familia con propostas musicais para todos os públicos.
Celebrarase en dúas xornadas, o sábado 20 e domingo 21, con 16 postos de venda, nos que o público poderá atopar agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces. Para dinamizar as compras, desenvolverase unha completa programación de espectáculos, obradoiros, música e un videomatón navideño 360º no que os asistentes poderán subirse á plataforma e editar o seu vídeo navideño. Así mesmo, os máis pequenos poderán visitar unha recreación da habitación de Papa Noel e entregar as súas cartas na Praza de Abastos.
As actividades comezarán o sábado 20 coa celebración dun obradoiro artesanal para nenos e nenas no que elaborarán adornos e outros accesorios, de 12.00 a 14.00 horas. Ás 18.00 horas, o público infantil poderá asistir ao espectáculo de “Un Nadal chungo que te cagas”, a cargo do artista Peter Punk.
O domingo 21, haberá un obradoiro artesanal de pintura para nenos e nenas, de 12.00 a 14.00h e, pola tarde, ás 18.00 horas, actuará Brais das Hortas, co espectáculo “Consertasso na horta”.
O videomatón navideño 360º estará en funcionamento o sábado 20 de 18.00 a 20.30h, e o domingo pola mañá de 11.30 a 13.30h, e pola tarde, de 18.00 a 20.30h.
En definitiva, unha ampla oferta para animar as compras navideñas. O Alcalde, José Tomé, convida a toda a veciñanza “a sumarse a esta aposta polo comercio local, desfrutar da nosa hostalería e participar no completo programa de actividades que desenvolveremos a vindeira fin de semana na Praza de Abastos”.
RESEÑAS DAS ACTUACIÓNS NO MERCADO DE NADAL
“Un Nadal chungo que te cagas”, con Peter Punk
O Nadal tamén pode ser unha festa tola, gamberra e chea de risas. Peter Punk chega disposto a desmontar o espírito destas datas co seu humor irreverente e o seu inconfundible estilo. Nesta ocasión, o pallaso máis punk do país presenta o seu Nadal particular: onde lle dá a volta á árbore, ás luces, aos gorros e a todo ese atrezzo festivo, pasándoos polo filtro máis absurdo, retranqueiro e divertido de Peter Punk Pallaso.
Malabares, lume, música e un desbordante talento escénico combínanse nun espectáculo universal e todoterreo, perfecto para todos os públicos. Un show que demostra que o Nadal tamén pode ser chungo... que te cagas!
“Consertasso na Horta”, con Brais das Hortas
Hoxe na horta de Brais das Hortas hai concerto. Mellor dito: Consertasso! Todo da casa! Grelos e temassos, cun equilibrio variado de formas e estilos - como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudable! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temassos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia.