O Alcalde informa de que debido ás obras na Estación de Renfe, a Cabalgata de Reis sairá o 5 de xaneiro da rúa Doutor López Suárez, dende a pista cuberta

Monforte de Lemos, 29 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que a Cabalgata de Reis do Concello de Monforte, celebrarase, como é tradición, o vindeiro luns, 5 de xaneiro. Como novidade, e debido ás obras que se executan na Estación de Renfe, nesta ocasión as Súas Maxestades chegarán á pista cuberta da rúa Doutor López Suárez, fronte ao Cuartel da Garda Civil.

A chegada está prevista ás 17.30 horas, e os nenos e nenas que se acheguen poderán saudar os Reis Magos, que chegarán cargados de ilusión e bos desexos, pero tamén de caramelos que repartirán entre os asistentes e durante o desfile polas rúas da cidade.

Alí conformarase a comitiva real, que estará integrada por catro carrozas cos reis e os paxes, coa tradicional participación do alumnado de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade, así como de diversos grupos musicais e ambientación de fantasía.

A Cabalgata comezará ás 18.30 horas dende Doutor López Suárez e avanzará cara Rosalía de Castro para facer o percorrido habitual polas rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal, Avenida de Galicia (Ponte Nova) e Campo de San Antón ata chegar á Casa do Concello de Monforte, onde serán os Reis Magos serán recibidos polo Alcalde e demais autoridades e membros da corporación municipal nas escaleiras do edificio.

A continuación as Súas Maxestades lerán o discurso de dende os balcóns do Concello, finalizando a súa visita cunha recepción aos nenos e nenas na planta baixa do Consistorio.

O Alcalde anima a todos os veciños e veciñas a asistir á Cabalgata de Reis e agradece a colaboración dos centros de ensino CEIP Monforte, Escolapios, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio Ferroviario e CEIP A Gándara.