O Concello de Monforte mantén a súa aposta polas artes escénicas coa programación de 7 espectáculos no primeiro semestre deste ano

Monforte de Lemos, 12 de xaneiro de 2026. O Concello de Monforte ven de pechar a programación de teatro no Edificio Multiusos para o primeiro semestre deste ano. A carteleira, deseñada desde a Concellería de Cultura dentro do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, incorpora un total de 7 espectáculos que se desenvolverán entre o 29 de xaneiro e o 26 de abril.

Neste primeiro semestre a carteleira aposta especialmente pola produción profesional galega, pero tamén inclúe compañías do ámbito estatal. Seis das sete obras programadas están dirixidas ao público adulto, e unha ao público infantil. No que respecta aos horarios, todas as funcións comezarán ás 20.15 horas, agás a infantil que será ás 18.00h, e as entradas terán un prezo de 5€ para o público xeral e de 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda semestral”.

 

O programa

A programación arranca o vindeiro 29 de xaneiro coa obra “O proceso”, a cargo da compañía Malasombra. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, preséntase como un sainete cómico que rememora uns feitos históricos acaecidos en 1880, cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”.

O calendario continúa o 19 de febreiro cunha coprodución do Centro Dramático Galego e Contraproducións, que levan ao teatro “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas, baixo a dirección e dramaturxia de Cándido Pazó. Esta versión dunha das obras máis emblemáticas da literatura galega chega ás táboas no décimo aniversario do pasamento do autor Neira Vilas.

O 26 de febreiro é a quenda de Producións Teatrais Excéntricas, coa peza “As desterradas”, escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.

A compañía Artyc Content presentará o 12 de marzo “A Historia vaxenial”, obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, e que retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi  gañadora dun Maestro Mateo.

O actor galego Carlos Blanco visitará Monforte o 26 de marzo para presentar o seu espectáculo “A Penúltima”.

No mes de abril hai programadas dúas funcións. A primeira, o día 23, a cargo da compañía Teatro Guirigai, coa peza “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, e a segunda, xa pechando a axenda deste primeiro semestre, o día 26, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, que presentan o espectáculo “Berenguela na gaiola”, dirixida ao público infantil.

 

Primeira cita, o xoves 29 de xaneiro

A primeira cita co teatro no Edificio Multiusos terá lugar o vindeiro xoves 29 de xaneiro, coa peza “O proceso”, do grupo Malasombra. A obra está escrita e dirixida por Cándido Pazó, coa participación no escenario dun elenco integrado Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal.

SINOPSE: En 1880, o bispo de Ourense denuncia a Curros Enríquez por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado ‘lawfare’, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.