TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO EDIFICIO MULTIUSOS /DOMINGO 26 DE ABRIL DE 2026 ÁS 18:00h, GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNICAS presenta BERENGUELA NA GAIOLA

O domingo 26 de abril ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos do 2026.

A compañía GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNICAS presenta BERENGUELA NA GAIOLA, obra dirixida a un público a partir de 8 anos, baixo a autoría e a dirección de Paula Carballeira, a adaptación de Galeatro e Xarope Tulú, escenografía de Nicolás Zamorano e As dúas e punto, deseño de son Xavier Bértolo, deseño iluminación e vestiario As dúas e punto, música Xavier Bértolo e interpretada por Alba Bermúdez, Atenea García e Tone Martínez.

Berenguela na gaiola
Nunha residencia da terceira idade traen de volta á Berenguela, unha anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. 

Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. 

Representando Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María, as tres anciás atoparán a liberdade que cren perdida e a posibilidade de cambiar o mundo.

Berenguela na gaiola é unha divertida e emotiva proposta para público familiar; unha coprodución de Galeatro e Xarope Tulú co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira. A peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.