TEATRO NO EDIFICIO MULTIUSOS XOVES 12 DE MARZO DE 2026 ÁS 20:15H ARTYC CONTENT presenta A HISTORIA VAXENIAL

O xoves 12 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro na programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos do 2026. 

Actividade deseñada dende o CIM Centro de Información á Muller da Concellería de Muller e Igualdade de Monforte de Lemos, dentro das actividades do Día Internacional da Muller.

A compañía ARTYC CONTENT presenta A HISTORIA VAXENIAL. Raquel Nogueira/Iván Marcos, Premio Luisa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade.

A Historia Vaxenial segue o ronsel xerado por Historias Vageniales, a exitosa serie web creada pola mesma autora, gañadora dun Premio Mestre Mateo e cuxos episodios foron vistos por centos de miles de persoas.

A obra fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como se representaron os órganos sexuais da muller e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo. O tema dá para un drama, certamente. Pero non, A Historia Vagenial é unha comedia (e unha comedia con final feliz).

A Historia Vaxenial é un espectáculo teatral que se atopa a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un divertidísimo monólogo confesional. A peza é todo un festival de risas e sorpresas que dá luz sobre multitude de cuestións que permaneceron ocultas ás mulleres e que teñen como centro o seu propio corpo e identidade.

A peza está interpretada e co-escrita por Raquel Nogueira, unha das cómicas máis versátiles da súa xeración.

Dirixida e co-escrita por Iván Marcos gañador do Premio Fringe First no Festival de Edimburgo, o Premio Jerwood Foundation, Premio Mestre Mateo, Premio María Casares e actor protagonista de varías películas e produccións de Netflix.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.