TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 26 DE FEBREIRO DE 2026, PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS con AS DESTERRADAS

O xoves 26 de febreiro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2026 en Monforte de Lemos.

A compañía PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS representa AS DESTERRADAS obra escrita por Carme Varela (25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais), baixo a adaptación e a dirección de Quico Cadaval, coa escenografía de Marcelino de Santiago, Kukas. Cun deseño de Norths SDN, deseño iluminación Javier Gey, vestiario Celia Sineiro e música de Fernando Reyes.

No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da hierarquia eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubida en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. 

Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas suas rotinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.

A heroica resistencia daquelas freiras chega agora encarnada nun elenco luxoso -Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, Belén Constenla e Víctor Mosqueira.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.