O Alcalde de Monforte e os presidentes do Club Lemos e Ourense CF presentan o partido de Primera Federación que acollerá o campo municipal de A Pinguela este domingo 25

Monforte de Lemos, 21 de xaneiro de 2026. O campo municipal de fútbol de A Pinguela acollerá este domingo, 25 de xaneiro, ás 16.00 horas, o encontro que enfrontará ao Ourense CF co Cacereño, partido correspondente a xornada 21 do Grupo A da Primera Federación (antiga 2ªB). O Alcalde José Tomé Roca, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán; o presidente do Club Lemos, Antonio López, e o presidente do Ourense CF, Camilo Díaz, deu a coñecer hoxe, en rolda de prensa na Sala de Xuntas do Concello, os detalles deste evento deportivo.

Tal e como explicou o rexedor, o Ourense CF solicitou a utilización do estadio municipal de A Pinguela porque o seu campo, O Couto, atópase actualmente en obras de renovación do céspede. As instalacións municipais de A Pinguela resultan idóneas para o equipo ourensano tanto por proximidade coa cidade de Ourense, como polas súa condicións, xa que cumpren coas esixencias da Federación Española de Fútbol.

O Alcalde explicou que a Xunta de Goberno Local do pasado luns 19 deu luz verde á utilización do campo por parte do Ourense CF e amosou a súa satisfacción por acoller este evento deportivo: “Ten moita relevancia para Monforte por varios motivos. Primeiro, porque falamos dunha categoría na que todos os partidos son televisados e iso significa que a nosa cidade terá proxección a través deste encontro e unha repercusión que sempre é importante”. Ademais, engadiu, “acoller este partido demostra que a nosa cidade conta con excelentes instalacións deportivas, perfectamente aptas para a celebración de partidos de primeiro nivel como este, e así o ratifica a autorización da Federación Española de Fútbol para que o partido se aquí”.

Neste senso, Tomé Roca lembrou que o Ourense CF “ven de acadar excelentes resultados na Copa del Rey, na que chegou a dezaseisavos desbancando a equipos de Primera División como o Real Oviedo e o Girona FC, ata quedar eliminado moi dignamente por 0-1 ante nada menos que o Athletic Club de Bilbao”. En definitiva, concluíu, “os monfortinos e monfortinas temos unha oportunidade este domingo de desfrutar de fútbol de primeiro nivel no noso campo de A Pinguela”.

Pola súa banda, o presidente do Ourense CF, Camilo Díaz, agradeceu a acollida e expresou o seu desexo de ofrecer o domingo “un día bonito de fútbol” animando aos veciños e veciñas de Monforte a asistir ó encontro.

O prezo das entradas será de 15 euros para o público xeral e de 10 euros para os socios do Club Lemos, mentres que os afeccionados do Ourense CF poderán acceder co seu carné. A recadación será a favor do Club Lemos.