Monforte de Lemos, 23 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, participou hoxe no acto oficial de traspaso de Presidencia da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad, na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra estes días en Madrid.
O cambio na presidencia, exercida durante 2025 polo Alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, deixa a responsabilidade deste cargo durante o 2026 no rexedor da cidade de Segovia, José Mazairas. Por este motivo, o acto desenvolveuse no pavillón de Castilla y León.
O Alcalde monfortino, que recibiu unha figura da Red de Juderías como agasallo, felicitou ao novo presidente e desexoulle o mellor nesta nova etapa. Cabe recordar que Monforte de Lemos foi o primeiro concello galego en ostentar dita presidencia, que exerceu o propio José Tomé no ano 2023.
No acto participaron representantes das diversas cidades membro da Red de Juderías, integrada por 21 municipios, tres de eles galegos: Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui.
Tanto José Tomé como Gloria Prada aproveitaron o encontro en FITUR para poñer en valor o potencial e os recursos desta importante rede turística, cultural e patrimonial de concellos que contan nos seus conxuntos medievais cunha herdanza histórica, arquitectónica, medioambiental e cultural das comunidades xudías que formaron parte da historia de España.