
Monforte de Lemos, 23 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a Tenente Alcalde, Gloria Prada, asistiron esta mañá en FITUR a presentación da campaña turística da Deputación de Lugo Provincia de Lugo, Reserva Natural, unha iniciativa que aposta pola riqueza natural do territorio como eixo dun modelo turístico sostible, no que o Concello de Monforte, capital da Ribeira Sacra, ten moito que aportar.
A presentación desta campaña, a cargo da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o cineasta Óliver Laxe, tivo lugar no expositor de Galicia, e contou coa asistencia de outros representantes da institución provincial, así como Alcaldes e Alcaldesas da provincia de Lugo. Na súa intervención, Carmela López puxo en valor a aposta por “un modelo de turismo de calidade, de equilibrio co territorio e de compromiso cos seus habitantes”.
Unha aposta na que concorda o Alcalde de Monforte, que reafirma o seu compromiso cun “turismo sostible, de calidade e de experiencias, que poña en valor o noso rico patrimonio natural”.