O Concello suspende este venres día 23 a actividade na Gardería Municipal e no Conservatorio de Música e pecha os parques infantís diante da alerta por meteoroloxía adversa

Monforte de Lemos, 22 de xaneiro de 2026. Ante os avisos da Agencia Estatal de Meteorología (Aemet), e de Meteogalicia diante dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel Laranxa por neve que afectará este venres, 23 de xaneiro, a gran parte do territorio galego, incluído o sur da provincia de Lugo, o Concello de Monforte suspende a actividade na Gardería Infantil Municipal e no Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’ durante toda a xornada, e pechará os parques infantís de maneira provisional mentres duren as alertas.

O decreto asinado polo Alcalde, José Tomé, fai referencia a senllos avisos diante da chegada da borrasca Ingrid que son de nivel Laranxa para toda a provincia de Ourense, Lugo (zonas Montaña, Sur e Centro) e Pontevedra (interior), e de nivel Vermello por fenómenos costeiros en Coruña (Noroeste, Oeste e Suroeste), Lugo (A Mariña) e Pontevedra (Rías Baixas e Miño).

Debido a este temporal, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión de clases e transporte escolar na xornada do 23 de xaneiro nas zonas con aviso laranxa, e a suspensión da actividade no exterior nas zonas con aviso Vermello.