Monforte de Lemos, 26 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio este mesmo luns, 26 de xaneiro, dos traballos de montaxe do equipamento deportivo do novo Ximnasio Municipal de A Pinguela. O contrato de suministro do material adxudicouse á empresa Jonhson Health Technologies Ibérica SL por importe de 106.791,98 euros e os operarios traballan xa na descarga e instalación das máquinas e do material. “A previsión é que o novo Ximnasio empece a funcionar na primeira quincena de febreiro, como xa comprometéramos”, indica o rexedor.
O Ximnasio Municipal forma parte do Complexo Deportivo de A Pinguela, que foi profundamente remodelado coa reforma integral do Pavillón Polideportivo no 2023 e da Piscina, inaugurada o pasado mes de outubro. Ambas infraestruturas suman unha inversión de 6 millóns de euros dirixida a renovar estas instalacións deportivas “creando un complexo deportivo único, eficiente e moderno”, indica o Alcalde.
Coa remodelación e reordenación dos espazos, o Ximansio gaña en superficie e funcionalidade, ubicado nunha sala acristalada situada na zona sur do edificio. O equipamento contratado ten como finalidade ofrecer aos usuarios e usuarias a maquinaria e material necesario para o desenvolvemento de programas de deporte e saúde.
Material e equipamento
No que se refire ao equipamento cardiovascular, o material subministrado pola empresa adxudicataria inclúe a dotación de 5 cintas de correr, 3 elípticas, 3 bicicletas verticais, 1 bicicleta horizontal/reclinada e 3 bicicletas ciclo indoor.
A dotación incorpora, ademais, unha ampla variedade de máquinas destinadas a exercicios de forza, equipamento de peso libre para forza con diversidade de bancos e barras, zona de adestramento funcional con módulos específicos, elementos de almacenaxe de material e os correspondentes accesorios para os aparatos.
O Alcalde destaca que o equipamento do Ximnasio “completa a renovación integral do Conxunto Deportivo da Pinguela e dota a Monforte dunhas instalacións modernas e na vangarda tecnolóxica que entrarán en servizo en poucos días”.