O Alcalde informa da celebración do XII Concurso de axudas para a confección de traxes medievais dotado con 3.600€ para animar a participación na vindeira Feira Medieval

Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da convocatoria dunha nova edición, a XII, do Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais, que se celebrará do 2 ao 13 de febreiro, coa colaboración das tres emisoras de radios locais. O obxectivo deste concurso, indica o rexedor, “é aumentar a participación da veciñanza nos diferentes actos da Feira Medieval e animalos a formar parte activa desta celebración coa confección dos seus traxes”.

O evento celebrarase este ano os días 4 e 5 de abril, coincidindo coa fin de semana de Semana Santa. O Alcalde recorda que o evento chegou á súa vixésima edición no ano 2024, polo que xa está solicitada a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, “e seguimos á espera da resolución a este respecto por parte da Xunta de Galicia”.

XII Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais

As persoas interesadas en participar no Concurso de Axudas para a confección de Traxes Medievais deberán chamar entre o 2 e o 13 de febreiro ás emisoras Radio Principal Monforte Cadena Ser, Radio Monforte e Onda Cero Monforte durante a programación local, de luns a venres, e contestar a unha pregunta referida a Monforte que lle formulará en antena o locutor ou locutora.

O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos. Cada radio repartirá un máximo de 20 premios nominais de 60 euros ás 20 persoas que acerten a pregunta.

Unha vez finalizado o certame, as radios colaboradoras emitirán unha lista o 16 de febreiro co nome e teléfono de contacto das persoas premiadas, que terán que pasar polo Concello do 20 ó 27 de febreiro para realizar unha solicitude formal no Rexistro Municipal dunha cantidade máxima de 60€ por persoa. Esta axuda deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval. Neste senso, compre recordar que os beneficiarios da axuda terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 4 e 5 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de Información da Feira Medieval, que estará instalada na Praza de España.

 

Xustificación da axuda e establecementos colaboradores

Entre o 6 e o 15 de abril, os beneficiarios da subvención terán que presentar no Rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde confeccionou o seu traxe, polo importe concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto. Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XXII Feira Medieval, o Concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas.

Os traxes subvencionados non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

Nesta edición, colaboran con este certame un total de seis establecementos:

-    Coser Cosiendo – rúa Calvo Sotelo, 7.

-    Teresa Lamela Costura – rúa Doutor Casares, 66.

-    Gnomos – rúa Hermida Balado, 10.

-    Retales Merce – rúa Doutor Teijeiro, 38.

-    Tempo de Teas  –rúa Doutor Casares, 19 (só para adquisición de teas).

-    Mercería OZ –Avenida de Galicia, 43.

Para calquera cuestión ou aclaración adicional, as persoas interesadas poden dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n, teléfono 982 402 501.