A empresa solicita e o Concello autoriza unha prórroga de seis meses a Kern Pharma para iniciar as obras de construción da súa planta no Polígono Industrial do Reboredo

Monforte de Lemos, 30 de xaneiro de 2026. A Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte autorizou o pasado luns, 26 de xaneiro, conceder a Kern Pharma SL, o laboratorio farmacéutico do Grupo Indukern, unha prórroga de seis meses de prazo para o inicio das obras de construción da planta de produtos inxectables no Polígono industrial do Reboredo de Monforte de Lemos. A solicitude deste aprazamento foi realizada por sede electrónica o día 22 de xaneiro e, destaca o Alcalde José Tomé, “amosa que o interese da empresa por instalar aquí o seu proxecto”.

O rexedor deu conta deste acordo e lembra que Kern Pharma é propietaria das parcelas unificadas 1C, 2C e 3C da rúa 3 do parque empresarial nas que ten previsto edificar a nova planta de fabricación. Nas últimas conversas, os responsables da empresa expuxeron que a demora no inicio das obras ten que ver coas dificultades derivadas da pandemia e o posterior encarecemento dos custes relacionados co sector da construción, así como polos problemas que afrontan as empresas farmacéuticas debido ao crecemento do mercado de medicamentos xenéricos de China e India, entre outros, que freou a implantación de proxectos en Europa e España.

Unha planta de fabricación de inxectables

O proxecto do laboratorio Kern Pharma está concibido para a fabricación en catro áreas produtivas cando o proxecto estea completo, cun investimento de máis de 60.000.000€ e arredor dun centenar de postos de traballo.

A licenza de obra prorrogada corresponde á primeira fase, cunha inversión inicial de 33M€ destinados á execución de toda a obra civil e á posta en marcha da primeira das catro áreas produtivas previstas: unha para ampollas -a primeira en entrar en funcionamento-, outra para viais e dúas dedicadas a proxectos de innovación. Ademais das zonas de fabricación, as instalacións contarán con laboratorios, área loxística e espazo de oficinas. Todas están deseñadas seguindo estándares de ecoeficiencia e sostenibilidade. En total, as instalacións ocuparán unha superficie de 14.000m2.