
Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura, mañá martes, 3 de febreiro, do prazo para solicitar a participación na XXII Feira Medieval de Monforte. O rexedor fixo este anuncio logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase na sesión de hoxe luns as bases que recollen o procedemento de selección e autorización de instalación de postos de venda neste evento.
Coa apertura desta convocatoria, e o inicio tamén este luns do concurso municipal de axudas para a confección dos traxes medievais, arrancan os preparativos para a celebración dun dos eventos clave da programación cultural e festiva de Monforte. “No Concello levamos tempo traballando de cheo na organización dunha nova edición da Feira Medieval, un referente no calendario festivo da nosa cidade e que ten sobradamente demostrada a súa capacidade para atraer numerosos visitantes”, indica o Alcalde.
Neste senso, o rexedor anima aos comerciantes, artesáns e hostaleiros a participar cos seus postos de venda: “A Feira Medieval de Monforte é un dos eventos máis destacados do noso calendario anual e representa un reclamo turístico cunha gran capacidade para atraer visitantes á nosa cidade e ó conxunto da Ribeira Sacra”, indica.
Prazos e requisitos de inscrición
As bases aprobadas hoxe na Xunta de Goberno Local recollen o procedemento de solicitude e a documentación que se debe achegar, así como os aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos, a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.
Segundo se especifica na convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá, día 3 de febreiro e rematará o día 2 de marzo. A organización da XXII Feira Medieval admitirá tres modalidades de postos, alimentación, artesanía e comercio, e dará prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, e no caso da artesanía, aos profesionais que teñan carta de artesán.
O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19€ para os que midan ata 3 metros de longo, e de 51,54€ se exceden esa medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89€, independentemente do seu tamaño.
As persoas interesadas en solicitar a participación con posto de venda na XXII Feira Medieval de Monforte de Lemos, deberán cubrir a solicitude oficial, na que se inclúe a Declaración Responsable, e presentala no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos ou a través da sede electrónica: https://sede.monfortedelemos.es.
Tamén poderá presentarse nas formas previstas na Lei 39/2015, de procedemento administrativo común. No caso de presentarse fora do Concello, o solicitante deberá dirixir por correo electrónico a dirección: feiramedieval@concellodemonforte.com, a correspondente solicitude e documentación anexa no prazo establecido como período de solicitude.
O 10 de marzo publicarase na páxina web do Concello a listaxe de participantes.
Datas, ubicación e horario de ocupación
A feira celebrarase os días 4 e 5 de abril de 2026 e desenvolverase polo Casco Histórico da Cidade. Os postos poderán abrir desde as 10.00 horas e pechar entre as 21.00 e 23.00 horas, en función da afluencia da xente. A montaxe das diferentes paradas terá lugar entre o día anterior no horario marcado polo Concello e o propio día da Feira, sempre antes das 9.00 horas. O desmonte farase o último día da Feira ou como máximo o día seguinte da mesma.
Os interesados poderán obter máis información sobre as bases e o regulamento na Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos 698181551 e 982884775 e no correo feiramedieval@concellodemonforte.com.
DOCUMENTACIÓN PARA PARTICIPAR NA FEIRA MEDIEVAL:
Bases participación Feira Medieval 2026
Solicitude Participacion Feira Medieval + Anexo I