Monforte de Lemos, 3 de febreiro de 2026. A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada; os Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, e a Concelleira de Consumo, Regina López, participaron hoxe nos actos litúrxicos arredor da festividade do San Blas, patrón das enfermidades da garganta, en representación do Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, quen non puido acudir ó acto por ter outros compromisos institucionais.
Ás 11.00 horas celebrouse a misa na igrexa de San Vicente do Pino, ateigada de veciñas e veciños de Monforte que acudiron a esta cita, de gran tradición no municipio, para bendicir as cintas de cores pasándoas polo pescozo do santo e as roscas elaboradas nas pastelerías e panaderías e tamén en moitos fogares monfortinos. Trala misa levouse a cabo a procesión coa imaxe do San Blas polo exterior do templo, e de volta no interior da igrexa procedeuse á bendición das cintas e dos doces que se colgan nestes cordóns.
A Policía Local do Concello de Monforte estableceu un dispositivo especial de tráfico que garantiu que a circulación nos accesos a igrexa e o propio acto se desenvolvera con total normalidade.