O Alcalde informa da contratación das obras para reparar varias pezas de sillería da Ponte Medieval

Monforte de Lemos, 9 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da contratación das obras de reparación dos danos ocasionados na Ponte Medieval a causa de dous sinistros de tráfico. Trátase, concretamente, da colocación de varias pezas dos muros perimetrais en ambos laterais da ponte. A Xunta de Goberno Local deste luns, aprobou adxudicar á empresa Nature Infraestructuras y Servicios SL, por un importe de 10.889,13 euros.

As obras proxectadas consisten na reparación de dúas zonas afectadas por senllos accidentes de tráfico, ocorridos un hai varios anos e outro no pasado 2025. O incidente máis antigo moveu cinco sillares na zona de entrada á Ponte á esquerda segundo o sentido do tráfico, polo que será necesario levantalos e colocalos na posición correcta. O segundo incidente, máis recente, provocou danos na zona do primeiro cubo á dereita da ponte, no que se moveron 10 pedras, que tamén será levantadas e recolocadas.

Un ben protexido

O Alcalde sinala que “a Ponte Vella ou Ponte Medieval é un ben inventariado polo Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, e forma parte da imaxe da nosa cidade, por iso debemos mantela nas mellores condicións”. Con este obxectivo, e unha vez obtidos os permisos necesarios tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, procederase á restauración do monumento.

 

Detalle das obras

Na zona 1, a situada á esquerda, a lonxitude aproximada do muro no que se actúa é de 2,10 metros; e na zona 2, á dereita, de 4,50 metros. Os traballos consistirán no levantamento dos sillares, a limpeza manual das xuntas, e a recolocación das pedras na súa ubicación orixinal. Concretamente, limparanse as xuntas das pedras a recolocar, así como a zona de asento das mesmas, para eliminar restos soltos de terra, pequenos anacos de pedra ou de morteiro e elementos vexetais. Así mesmo, levarase a cabo unha limpeza manual da pedra con cepillo, para eliminar elementos estraños e restos vexetais, sen alterar a imaxe actual da ponte nin dos sillares.