“Memorias dun neno labrego” chega este xoves 19 ao Edificio Multiusos, nunha nova cita co teatro organizada polo Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 17 de febreiro de 2026. Os monfortinos e monfortinas teñen unha nova cita co teatro este xoves, 19 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos. A función, organizada polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, corresponde a “Memorias dun neno labrego”,  unha nova adaptación teatral da emblemática novela do escritor Xosé Neira Vilas.

Coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, esta proposta rende homenaxe á figura de Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”.

As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que xa é un dos personaxes máis universais das letras galegas, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo.

Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, o elenco artístico conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos.

 

Entradas á venda desde as 19.00 horas

A cita é no Edificio Multiusos, ás 20.15 horas, é os prezos das entradas son os habituais: 5€ para o público xeral e 3€ para estudantes, desempregados e xubilados. A taquilla estará aberta no propio Multiusos dende ás 19.00 horas.

 

SINOPSE: As lembranzas de Balbino preséntanse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.

Ademais da dirección escénica, Cándido Pazó asina este texto teatral que segue a voz sincera e sensible deste fillo de labregos pobres medrando nun mundo de silencios, traballo e obediencia.

Así, Balbino narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino.

Completan o equipo Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, traballando man a man co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

 

Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos

  • 26 de febreiro: “As desterradas”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.
  • 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi  gañadora dun Mestre Mateo.
  • 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
  • 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
  • 26 de abril:  “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.

 

Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.