Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2026. O tradicional Enterro da Sardiña puxo na tarde noite deste Mércores de Cinza o peche ao Entroido 2026 en Monforte. A procesión estivo encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, acompañado da Tenente Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros e Concelleiras de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Cultura, Marina Doutón; Depoortes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López, e Muller e Igualdade, Margarita López, ademais doutros membros da Corporación Municipal.
A Cofradía do Santo Enterro da Sardiña arrancou ás 20.00 horas na Praza de España e percorreu entre bágoas e cánticos o treito peonil da rúa Cardenal, Avenida de Galicia ata o cruce da Rúa Ourense e Campo de San Antonio ata chegar á Praza do Concello, onde a comitiva foi recibida polo Equipo de Goberno, e tivo lugar a lectura de coplas e rogativas. Unha vez rematado o acto, a procesión continuou ata a Ponte Medieval, lugar desde o que foi lanzada a sardiña ao río. Con este rito, o Concello de Monforte de Lemos pon o punto e final á programación do Entroido 2026, un dos máis exitosos e participativos dos últimos anos.
Neste senso, o Alcalde amosou a súa satisfacción polo gran éxito do Desfile de Comparsas e Disfraces celebrado o Martes de Entroido, con representación das catro provincias galegas e as rúas ateigadas de público: “O xurado tívoo moi difícil na concesión dos 21.000 euros en premios que repartiu o Concello, porque todos os participantes inscritos, que foron arredor de 1.300, amosaron moi bos traballos e, sobre todo, moi boa actitude. E eso é un orgullo, porque o Entroido é unha celebración para desfrutar na rúa, para rir e para compartir a alegría con todos os veciños”, indica o Alcalde.
Así mesmo, o rexedor agradeceu “a implicación y a participación de todos os monfortinos e monfortinas que se inscribiron para concursar tanto no Martes de Entroido, como no Xoves de Comadres e Compadres, e tamén a aqueles que se disfrazaron pola súa conta, que foron moitos, e que contribuíron tamén ao éxito do Entroido en Monforte”.