
Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou hoxe na XXXIV Asamblea Xeral ordinaria do Eixo Atlántico, celebrada na Casa do Concello da Coruña, e que reuniu ás 41 entidades integradas nesta asociación de municipios de Galicia e do Norte de Portugal, entre elas o Concello de Monforte. Neste senso, Tomé Roca asistiu na súa condición de Alcalde e tamén como membro da Comisión Executiva deste organismo.
A Asamblea Xeral ratificou a reintegración do municipio luso de Macedo de Cavaleiros no Eixo e deu conta dos informes de xestión e contas correspondente ao ano 2025. A sesión aprobou tamén o programa de actividades para 2026, así como o orzamento para este exercicio, que ascende a 5.538.900 euros. No referente ás prioridades, a reunión puxo o foco en cuestións como o acceso á vivenda, os fluxos migratorios e a loita contra a pobreza e a exclusión social, establecéndose estes ámbitos como eixos centrais da axenda de traballo para 2026.
O Alcalde pon en valor o peso de Monforte nesta entidade e “a implicación do noso territorio na construción dun espazo común en ámbitos tan relevantes como o desenvolvemento económico, o turismo, a mobilidade, a cultura ou a sustentabilidade”, valorou.
Nesta reunión, á que asistiron representantes de todas as entidades galegas e portuguesas que forman parte do organismo, establecéronse os tres grandes eixos que marcarán a axenda deste exercicio: sustentabilidade urbana, desenvolvemento económico e desenvolvemento social, poñendo especial atención á integración da poboación inmigrante, a cohesión social e a garantía de condicións dignas de vivenda. Así mesmo, o programa aprobado inclúe actividades culturais, educativas e deportivas, xunto con iniciativas de innovación social e turismo policéntrico e de autor.