
Monforte de Lemos, 20 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu este xoves a representación da obra de teatro “Memorias dun neno labrego”, que encheu a sala de butacas do Edificio Multiusos. O espectáculo, organizado polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, acadou unha excelente acollida por parte do público.
A obra, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, e dirixida por Cándido Pazó, rende homenaxe á figura de Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”. O elenco artístico estivo formado por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santosa, que deron vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos.
O equipo complétase con Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, traballando man a man co persoal técnico do Centro Dramático Galego.
Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos
- 26 de febreiro: “As desterradas”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.
- 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi gañadora dun Mestre Mateo.
- 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
- 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
- 26 de abril: “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.
Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.
O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.