O Multiusos acolle esta tarde unha nova sesión de teatro organizada polo Concello de Monforte con “As desterradas”, dirixida por Quico Cadaval

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2026. Os monfortinos e monfortinas teñen unha nova cita co teatro este xoves, 26 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos. A función, organizada polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, corresponde hoxe á compañía Producións Teatrais Excéntricas, coa representación de “As desterradas”, adaptada e dirixida por Quico Cadaval. A obra, escrita por Carme Varela, foi merecedora do 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de 5 euros e 3 para desempregados, xubilados e estudantes.

 

SINOPSE: No século XVI, unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza hierática eclesiástica. Para rematar coa resistencia das freiras, os señores da Igrexa non dúbidan en difamalas e ameazadas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais.

Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.

O elenco está integrado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, Belén Constenla e Víctor Mosqueira.

 

Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos

  • 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi  gañadora dun Mestre Mateo.
  • 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
  • 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
  • 26 de abril:  “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.

 

Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.