
Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2026. Os monfortinos e monfortinas teñen unha nova cita co teatro este xoves, 26 de febreiro ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos. A función, organizada polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, corresponde hoxe á compañía Producións Teatrais Excéntricas, coa representación de “As desterradas”, adaptada e dirixida por Quico Cadaval. A obra, escrita por Carme Varela, foi merecedora do 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de 5 euros e 3 para desempregados, xubilados e estudantes.
SINOPSE: No século XVI, unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza hierática eclesiástica. Para rematar coa resistencia das freiras, os señores da Igrexa non dúbidan en difamalas e ameazadas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais.
Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.
O elenco está integrado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, Belén Constenla e Víctor Mosqueira.
Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos
- 12 de marzo: “A Historia vaxenial”, de Artyc Content. Obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi gañadora dun Mestre Mateo.
- 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
- 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
- 26 de abril: “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.
Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.
O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.