Monforte de Lemos, 27 de febreiro de 2026. Obradoiros educativos, xogos pola igualdade, espectáculos con perspectiva de xénero, unha mostra de mulleres pioneiras e, como acto central, a tradicional concentración e lectura do manifesto reivindicativo da igualdade real e efectiva, que este ano terá lugar na Praza da Compañía, diante das Casitas. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte de Lemos ven de presentar a programación conmemorativa do 8M, Día Internacional da Muller, deseñada desde a Concellería de Muller e Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), e na que se recolle un amplo abano de actividades dirixidas a concienciar a toda a poboación sobre a necesidade de avanzar na erradicación das estruturas machistas e patriarcais.
Programa do 8M: sensibilización, concienciación e reivindicación
Coa finalidade sensibilizar e facer un chamamento a toda a sociedade monfortina, desde o vindeiro luns, 2 de marzo, o Bus Urbano levará un vinilo para animar a asistir á concentración do 8 de marzo e sensibilizar á cidadanía monfortina perante a reivindicación da igualdade real de dereitos, oportunidades e participación das mulleres na sociedade, así como para eliminar a discriminación e violencia de xénero.
Así mesmo, e como acto simbólico, durante a tarde noite do 8 de marzo iluminarase en cor violeta a Torre da Homenaxe para dar visibilidade á loita pola igualdade e o recoñecemento dos dereitos das mulleres.
A xornada central do programa será o propio domingo, 8 de marzo, coa concentración e lectura do manifesto ás 13.00 horas, diante das Casitas. Neste acto presentarase a Instalación Expositiva “Mulleres con luz propia” que permanecerá pendurada nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal, dende a esquina coa Avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía. Así mesmo, repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe representativa da exposición.
“Mulleres con luz propia”
A Instalación “Mulleres con luz propia” é unha exposición que pon o foco en mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia, pioneiras que desafiaron normas e convertéronse en referentes femininos na defensa da igualdade. Dende mulleres recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, ata pioneiras feministas como Clara Campoamor e Simone de Beauvoir ou galegas coma Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou María Emilia Casas Baamonde, figuras relevantes todas elas e piares fundamentais do progreso social.
O listado completo de mulleres pioneiras desta instalación inclúe a Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir, Isabel Zendal, Mercedes Mariño, Concepción Arenal, María Casares, Rosalía de Castro, Hermanas Mirabal, Emilia Pardo Bazán, Jane Goodall, Marie Curie, Margarita Salas, Virginia Woolf, María Emilia Casas Baamonde, Clara Campoamor, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela, Frida Kahlo e Ana Peleteiro.

Escape room pola igualdade
As actividades o domingo, 8 de marzo, continuarán pola tarde con dúas propostas dirixidas á xuventude, público infantil e familias en xeral.
Ás 18.00 horas, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos, levarase a cabo o Escape Room pola Igualdade “Estrelas”, a cargo de Simón González Villanueva, da empresa Territorio Comanche.
Esta actividade está dirixida á mocidade e familias e terá unha duración de 100 minutos, con entrada gratuíta. O número de prazas é limitado, seguindo a orde de inscrición, polo que as persoas interesadas deberán anotarse previamente cubrindo o formulario na páxina web do Concello www.monfortedelemos.es ou no CIM (no teléfono 982416350 ou a través do mail cim@concellodemonforte.com). O prazo de inscrición remata o venres 6 de marzo ás 14.00 horas.
Trátase dun Escape Room que pode facerse coas amizades, a familia ou participando de forma individual agrupándose con outras persoas, xa que desenvolverase en grupos cun máximo de 6 integrantes. A actividade consistirá nun xogo práctico e de traballo grupal co obxectivo de que as persoas participantes coñecen a unha serie de mulleres de especial relevancia coa intención de traballar na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero.
Tamén o domingo 8, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Circo na casa”, a cargo de MeRe Clown, no que se traballarán estereotipos de xénero e os roles de mulleres e homes en relación ao reparto das tarefas domésticas pretendendo sensibilizar e concienciar na corresponsabilidade. A proposta está dirixida ao público infantil e familiar (a partir dos 3 anos) e a entrada é gratuíta.

Obradoiros para o alumnado de Educación Primaria e Secundaria
Como en pasados anos, e coa finalidade de traballar a concienciación no ámbito educativo, o Concello organiza arredor do 8M obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros de ensino da cidade.
No caso de Secundaria, a actividade está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e traballarase con grupos diferenciados de rapaces e rapazas cunha estratexia metodolóxica orientada a identificar vivencias, presións e estereotipos interiorizados específicos de cada sexo, para posteriormente poñelos en común en espazos mixtos de diálogo e aprendizaxe compartida. O obradoiro denomínase “En construción: Identidades libres de violencia de xénero”, e está dirixido pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista nesta materia.
As sesións levaranse a cabo entre o xoves 5 de marzo e o martes 11 no CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, IES Río Cabe, PP Escolapios e IES Daviña Rey.
Nos centros de Primaria, a actividade prevista ten por obxectivo identificar estereotipos de xénero e roles sociais presentes na vida cotiá e nos medios de comunicación, desenvolvendo unha mirada crítica ante os modelos de relación que transmiten os contidos culturais e dixitais. O obradoiro titúlase “A fogueira da illa das reflexións” e as encargadas de levalo a cabo son Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.
Esta acción, financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y para la Erradicación de la Violencia contra las Mujeres, desenvolverase os días 9 e 10 de marzo no CPR PP Escolapios, CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, CEE Infanta Elena, CEIP Monforte e CEIP A Gándara.
Teatro no Multiusos: “A historia vaxenial”
Os actos organizados polo Concello arredor do 8M farán parada tamén no Edificio Multiusos, cunha nova cita co teatro, o xoves 12 de marzo ás 20.15 horas, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. En colaboración coa Concellería de Cultura a Compañía Artyc Content presenta “A historia vaxenial”, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade.
A Historia Vaxenial segue o ronsel xerado por Historias Vageniales, a exitosa serie web creada pola mesma autora, gañadora dun Premio Mestre Mateo, e cuxos episodios foron vistos por centos de miles de persoas. A peza fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como foron representándose os órganos sexuais da muller nas diferentes épocas e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo. O resultado desta particular viaxe é un espectáculo teatral a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un divertido monólogo confesional.