O Alcalde celebra a excelente acollida do novo Ximnasio Municipal de A Pinguela: “É todo un éxito, os usuarios destacan a calidade do equipamento e das instalacións”

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, celebra a excelente acollida do novo Ximnasio Municipal de A Pinguela, que abriu as súas portas o pasado luns, 2 de marzo, completando a remodelación integral do Complexo Deportivo. O servizo estrea equipamento e material completamente renovado e está sendo moi ben recibido polo usuarios e usuarias. “É todo un éxito, as persoas que acudiron estes días destacan a calidade das máquinas e do material, e tamén das instalacións”, indica o Alcalde.

O subministro e montaxe do novo equipamento deportivo foi adxudicado por un importe de 106.791,98€ á empresa Jonhson Health Technologies SL.. O Concello de Monforte completou o equipamento do Ximnasio coa dotación de espellos na zona de peso libre, pequeno material funxible de adestramento e un reloxo dixital, que suman unha contía de 7.253,12€ e elevan a inversión total a 114.000€.

O Alcalde lembra que a apertura do Ximnasio Municipal completa a remodelación das infraestruturas deportivas que comezou en 2023 coa reforma integral do Pavillón Polideportivo e continuou coa nova Piscina Municipal, inaugurada en outubro de 2025. “Con estas actuacións, que xuntas supuxeron unha inversión de 6M€, Monforte pode presumir agora dun complexo deportivo único, eficiente e moderno”, destacou o Alcalde.  

 

300 m2 e cinco zonas de adestramento

A posta en marcha do Ximnasio, incidiu o Alcalde, “completa a oferta deportiva do renovado Complexo Deportivo Municipal de A Pinguela e pon a disposición dos veciños e veciñas un servizo que gaña en superficie e funcionalidade respecto do anterior”.

A nova sala, situada na zona sur da edificación, conta cunha superficie útil de 300 m2 distribuídas en cinco zonas de adestramento:

  1. Zona Cardiovascular, composta por 5 cintas, 3 elípticas, 6 bicicletas verticais e 1 bicicleta horizontal, todas elas orientadas cara unha ampla cristaleira  con vistas ao exterior co fin de facer máis agradable a práctica deportiva.
  2. Zona de máquinas de musculación selectorizadas, que permiten aos usuarios seleccionar o peso a través da pila de pesos dispoñible na máquina. Esta zona está composta por:
  • Prensa de pernas horizontal
  • Extensión de cuádriceps
  • Femoral sentado
  • Máquina dual contractora de pectoral e espalda alta
  • Press de peito
  • Press de ombreiro
  • Pull de espalda
  • Curl de bíceps
  • Extensión de tríceps
  • Multicadeira
  • Multiestación de poleas con 4 estacións

 

3. Zona de peso libre, composta por:

  • Press banca plano
  • Press superior
  • Press de ombreiro
  • Multipower
  • Banco scott para biceps
  • 4 bancos regulables
  • Halteras de diferentes pesos

 

4. Zona de adestramento funcional composta por tres módulos que incorporan 2 poleas regulables en altura, 3 barras de dominadas multiagarre e anclaxes estáticos a diferentes alturas para realizar multitude de exercicios. Esta zona funcional complétase con material diverso, como balóns funcionais e kettlebells de diferentes pesos, gomas elásticas de diferentes resistencias, fitballs, bosu e TRX.

5.  Zona de estiramentos dotada con 18 colchonetas.

 

 

 

 

 

 

Un monitor encargado do Ximnasio, de luns a venres

O Ximnasio Municipal mantén o mesmo horario de apertura que a Piscina Municipal, como xa acontecía antes da remodelación integral das instalacións. Deste xeito, o horario é o seguinte:

  • Luns a venres: de 7:30 a 14:00h. e de 15:00 a 23:00h.
  • Sábados: de 10:00 a 14:00h.
  • Domingos e festivos: de 10:30 a 14:30h.

 

Outra das novidades que incorpora o Ximnasio Municipal é a presenza dun monitor encargado de velar polo bo funcionamento da sala, así como de asesorar sobre o funcionamento dos diferentes equipos a todas aquelas persoas usuarias que o precisen.

Esta persoa estará presente na sala, de luns a venres, no seguinte horario:

  • Luns: de 10:00 a 13:00 h e de 17:00 a 21:00 h.
  • Martes: de 9:00 a 10:00h, de 11:00 a 14:00h, e de 17:00 a 21:00h.
  • Mércores: de 10:00 a 12:00h e de 17:00 a 21:00h.
  • Xoves: de 9:00 a 12:30h e de 17:00 a 21:00 h.
  • Venres: de 10:00 a 11:00 h, de 12:00 a 13:00h e de 17:00 a 21:00 h.