O Concello conmemora o 8M cunha homenaxe ás traballadoras municipais, “que coa súa labor diaria garanten servizos públicos de calidade para todas as monfortinas e monfortinos”

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2026. O Concello de Monforte de Lemos conmemora hoxe, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, cunha chamada á “reforzar e defender” a igualdade cada día do ano fronte as “ameazas reais que poñen en risco os avances e logros conseguidos”. Así reza o Manifesto do 8M que abandeirou o acto central do programa organizado polo Concello de Monforte arredor desta data sinalada na loita pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A concentración tivo lugar ás 13.00 horas na Praza da Compañía, diante das Casitas, e contou cunha masiva afluencia por parte das monfortinas e monfortinos, a máis numerosa dos últimos anos. Encabezada pola Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, contou coa participación do Alcalde, José Tomé Roca, e membros do Equipo de Goberno, concretamente a Teniente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros José Luis Losada e José Manuel Mougán, ademais de persoal do Centro municipal de Información á Muller, CIM.

Ao remate do acto, a Concelleira de Muller e Igualdade e o Alcalde repartiron entres os asistentes velas serigrafiadas co lema deste 8M a modo de agasallo. O Equipo de Goberno quere trasladar o seu agradecemento á sociedade monfortina pola participación no acto central dunha data tan sinalada como esta.

 

Dobre homenaxe

Neste 8M, o Concello de Monforte rende homenaxe ás mulleres pioneiras que “brillaron con luz propia” en diferentes ámbitos que hoxe son referentes na defensa da igualdade a nivel nacional e internacional, pero tamén quixo facer un recoñecemento especial ás moitas mulleres que, ao longo dos anos, puxeron o seu talento ao servizo da veciñanza de Monforte de Lemos.

Esta dobre homenaxe está representada, por un lado, na exposición “Mulleres con luz propia” instalada nos farois da marxe dereita da rúa Cardeal desde o cruce coa avenida de Galicia ata o Paseo da Compañía, que fai un percorrido pola vida e traxectoria de figuras femininas referentes; e por outro, no manifesto do 8M, que pon en valor o traballo e dedicación das mulleres que traballan no Concello de Monforte, “xestoras públicas que coa súa labor diaria garanten servizos públicos de calidade para todas as monfortinas e monfortinos”.

 

Manifesto do 8M

Foi a Concelleira Regina López a encargada de ler este manifesto, que pon o foco nas “mulleres que desenvolven unha labor esencial, e moitas veces pouco visible, en postos de responsabilidade e equipos técnicos que manteñen en funcionamento a administración municipal e afrontan retos cada vez máis esixentes”. Un traballo “constante e rigoroso” en áreas clave como a planificación urbana, os servizos sociais, a cultura, a educación, a xestión económica, a contratación e a atención directa á cidadanía.

O Concello defende que a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes “non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas”. Neste senso, o manifesto incide en que o feminismo “é clave para reforzar a presenza das mulleres na política, na economía, na educación, na cultura e na vida social de Monforte”. O texto anima a “alzar a voz por unha sociedade na que as mulleres vivan libres de violencia, unha sociedade paritaria e participativa na que ocupen o lugar que lles corresponde, por dereito e por capacidade”.

 

“Mulleres con luz propia” De Marie Curie á monfortina María Emilia Casas Baamonde

Trala lectura do manifesto, a Concelleira Regina López presentou a exposición “Mulleres con luz propia” que estará instalada durante este mes de marzo nos farois da marxe dereita do Cardeal, desde o cruce coa avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía.

“É unha instalación moi interesante que fai un repaso por algunhas das mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia, pioneiras no seu tempo e nas actividades que desenvolveron e que hoxe son referentes femininos na defensa da igualdade”, explicou a Concelleira.

A instalación ofrece un percorrido por figuras recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, ata pioneiras feministas como Clara Campoamor, personalidades galegas coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, e como non, a xurista monfortina María Emilia Casas Baamonde.

“Non están todas as que son, faltan moitas mulleres, referentes destacadas e mulleres descoñecidas públicamente que tamén queremos lembrar porque co seu traballo diario, sen fama, avanzaron na igualdade real desde espazos cotiáns e contextos privados. Mulleres que coas son piares fundamentais do progreso social e unha fonte de inspiración e motivación para todas e todos”, apuntou Regina López.

O listado completo de mulleres pioneiras desta instalación inclúe a Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir, Isabel Zendal, Mercedes Mariño, Concepción Arenal, María Casares, Rosalía de Castro, Hermanas Mirabal, Emilia Pardo Bazán, Jane Goodall, Marie Curie, Margarita Salas, Virginia Woolf, María Emilia Casas Baamonde, Clara Campoamor, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela, Frida Kahlo e Ana Peleteiro.

 

 

 

 

 

 

Escape Room pola igualdade e “Circo na casa”

A xornada do 8M complétase cun Escape Room pola igualdade “Estrelas”, a cargo de Simón González Villanueva, da empresa Territorio Comanche, que terá lugar esta tarde, ás 18.00 horas, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos, coa asistencia do Alcalde, José Tomé, a Tenente Alcalde Gloria Prada e a Concelleira de Muller e Igualdade, Regina López. A actividade está dirixida á mocidade a partir de 11 anos e familias, participando en grupos de entre 4 e 6 membros.

A misión consiste en recuperar o fulgor dalgunhas das estrelas femininas máis importantes da historia. Mulleres que, por algún motivo, cambiaron o transcorrer do mundo e que merecen o seu lugar no ceo. Unha loita contra reloxo na que os sentidos, a intuición e o traballo en equipo son claves para superar a proba con éxito.

De xeito lúdico e divertido, os participantes achegaranse a unha serie de mulleres de especial relevancia, ao tempo que a actividade traballa na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero amosando mulleres valiosas en todos os eidos, que souberon adiantarse ao seu tempo e rachar cos estereotipos de xénero do momento que lles tocou vivir.

Tamén hoxe, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura acolle o espectáculo “Circo na casa”, a cargo de MeRe Clown, no que se traballarán estereotipos de xénero e os roles de mulleres e homes en relación ao reparto das tarefas domésticas pretendendo sensibilizar e concienciar na corresponsabilidade. A proposta está dirixida ao público infantil e familiar (a partir dos 3 anos) e a entrada é gratuíta.

 

Programa do 8M: sensibilización, concienciación e reivindicación

O programa deseñado polo Concello para conmemorar o 8M segue adiante con máis actividades de concienciación e reivindicación. Coa finalidade sensibilizar e facer un chamamento a toda a sociedade monfortina, desde o pasado luns, 2 de marzo, o Bus Urbano leva un vinilo para animar a asistir á concentración do 8 de marzo e sensibilizar á cidadanía monfortina perante a reivindicación da igualdade real de dereitos, oportunidades e participación das mulleres na sociedade, así como para eliminar a discriminación e violencia de xénero.

Así mesmo, e como acto simbólico, durante a tarde noite deste 8M iluminarase en cor violeta a Torre da Homenaxe para dar visibilidade á loita pola igualdade e o recoñecemento dos dereitos das mulleres.

 

Obradoiros para o alumnado de Educación Primaria e Secundaria

Como en pasados anos, e coa finalidade de traballar a concienciación no ámbito educativo, o Concello organiza arredor do 8M obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria dos centros de ensino da cidade.

No caso de Secundaria, a actividade está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e traballarase con grupos diferenciados de rapaces e rapazas cunha estratexia metodolóxica orientada a identificar vivencias, presións e estereotipos interiorizados específicos de cada sexo, para posteriormente poñelos en común en espazos mixtos de diálogo e aprendizaxe compartida. O obradoiro denomínase “En construción: Identidades libres de violencia de xénero”, e está dirixido pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista nesta materia.

As sesións levaranse a cabo entre o xoves 5 de marzo e o martes 11 no CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, IES Río Cabe, PP Escolapios e IES Daviña Rey.

Nos centros de Primaria, a actividade prevista ten por obxectivo identificar estereotipos de xénero e roles sociais presentes na vida cotiá e nos medios de comunicación, desenvolvendo unha mirada crítica ante os modelos de relación que transmiten os contidos culturais e dixitais. O obradoiro titúlase “A fogueira da illa das reflexións” e as encargadas de levalo a cabo son Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.

Esta acción, financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y para la Erradicación de la Violencia contra las Mujeres, desenvolverase os días 9 e 10 de marzo no CPR PP Escolapios, CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, CEE Infanta Elena, CEIP Monforte e CEIP A Gándara.

 

Teatro no Multiusos: “A historia vaxenial”

Os actos organizados polo Concello arredor do 8M farán parada tamén no Edificio Multiusos, cunha nova cita co teatro, o xoves 12 de marzo ás 20.15 horas, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. En colaboración coa Concellería de Cultura a Compañía Artyc Content presenta “A historia vaxenial”, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade.

A Historia Vaxenial segue o ronsel xerado por Historias Vageniales, a exitosa serie web creada pola mesma autora, gañadora dun Premio Mestre Mateo, e cuxos episodios foron vistos por centos de miles de persoas. A peza fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como foron representándose os órganos sexuais da muller nas diferentes épocas e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo. O resultado desta particular viaxe é un espectáculo teatral a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un divertido monólogo confesional.