O Concello continúa coa programación arredor do 8M cunha nova cita co teatro este xoves, no Edificio Multiusos

Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2026. O Concello de Monforte continúa coa programación arredor do 8M, Día Internacional da Muller, cunha nova proposta na carteleira teatral do Edificio Multiusos. A cita é este xoves, 12 de marzo, ás 20.15 horas, coa representación da obra “A historia vaxenial”, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a proxectos pola igualdade.

A proposta, organizada polo Concello de Monforte, enmárcase na programación da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e forma parte das actividades deseñadas dende o Centro de Información á Muller, CIM, no marco do Día Internacional da Muller.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de 5 euros e 3 para desempregados, xubilados e estudantes.

 

FICHA E SINOPSE: “A historia vaxenial” é unha montaxe da compañía Artyc Content. Escrita por Raquel Nogueira e Iván Marcos, segue o ronsel xerado por “Historias Vageniales”, a exitosa serie web creada pola mesma autora e gañadora dun Premio Mestre Mateo.

En clave de comedia, a obra fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como se representaron os órganos sexuais da muller e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo. O tema dá para un drama, certamente.

A peza teatral, interpretada por Raquel Nogueira, atópase a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un divertido monólogo confesional.

A dirección do espectáculo corresponde a Iván Marcos, gañador do Premio Fringe First no Festival de Edimburgo, Premio Jerwood Foundation, Premio Mestre Mateo, Premio María Casares e actor protagonista de varías películas e producións de Netflix.

 

Próximas citas co teatro no Edificio Multiusos

  • 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
  • 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
  • 26 de abril:  “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.

 

Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.

 

 

 

 

 

Obradoiros educativos pola igualdade nos centros de ensino da cidade

Por outro lado, este mércores rematan os obradoiros educativos organizados pola Concellería de Muller e Igualdade a través do CIM coa finalidade de traballar a concienciación no ámbito da Educación Primaria e Secundaria.

No caso de Secundaria, a actividade dirixiuse ao alumnado de 4º da ESO e estivo orientada a identificar vivencias, presións e estereotipos interiorizados específicos de cada sexo, para posteriormente poñelos en común en espazos mixtos de diálogo e aprendizaxe compartida. O obradoiro denomínase “En construción: Identidades libres de violencia de xénero”, e foi impartido pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista nesta materia.

As sesións desenvolvéronse entre o xoves 5 de marzo e o martes 11 no CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, IES Río Cabe, PP Escolapios e IES Daviña Rey.

 

Nos centros de Primaria, a actividade tiña por obxectivo identificar estereotipos de xénero e roles sociais presentes na vida cotiá e nos medios de comunicación, desenvolvendo unha mirada crítica ante os modelos de relación que transmiten os contidos culturais e dixitais. O obradoiro titúlase “A fogueira da illa das reflexións” e as encargadas de levalo a cabo son Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.

Esta acción, financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y para la Erradicación de la Violencia contra las Mujeres, desenvolveuse os días 9 e 10 de marzo no CPR PP Escolapios, CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, CEE Infanta Elena, CEIP Monforte e CEIP A Gándara.