O Alcalde promove a compostaxe doméstica nun acto dirixido aos escolares de Primaria no que participou o autor dos Bolechas, Pepe Carreiro

Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, animou hoxe aos escolares de Monforte a sumarse á recollida responsable do lixo. Así o fixo no marco da presentación do libro dos Bolechas “Os composteiros de Monforte”, que tivo lugar na Casa da Cultura e no que tamén participou o autor e debuxante, Pepe Carreiro. A cita contou coa asistencia de arredor de 140 alumnos e alumnas de 1º de Primaria dos centros educativos de Monforte -CEIP A Gándara, CEIP Monforte e Colexios Ferroviario, Escolapios e Torre de Lemos-, e os rapaces recibiron o libro como agasallo.

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada da cidade que é un composteiro, como se recicla a materia orgánica e para que serve o compost. No acto proxectouse o conto e Pepe Carreiro elaborou en vivo tres láminas protagonizadas polos integrantes da familia Bolechas Tatá, Loli e o can Chispa en diferentes situacións relacionadas coa reciclaxe.

Na súa intervención ante o alumnado, o Alcalde falou da importancia de coidar o medio ambiente e recordou que o Concello de Monforte entrega de forma gratuíta composteiros e cubos para a recollida da materia orgánica a través do colector marrón. Así mesmo, animou aos escolares a trasladar esta mensaxe ás súas familias para mellorar a xestión dos residuos.

A edición deste libro, que chegará a todos os centros educativos da cidade, forma parte da campaña informativa impulsada polo Concello de Monforte para mellorar a xestión dos residuos orgánicos e a compostaxe.

Deste xeito, o Concello de Monforte de Lemos afianza a súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica para cumprir cos requisitos marcados desde a Unión Europea, xa que case a metade do lixo que producimos nas nosas casas a diario son residuos orgánicos.

 

Composteiro e cubo marrón

A veciñanza que desexe sumarse ao voluntariado marrón pode rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS. Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informa porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción. 

Aqueles que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 poden solicitar o composteiro, ben chamando ao teléfono do Concello  982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.

Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que vaian instalar este composteiro,  se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie.

Os usuarios e usuarias teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente este composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.