Representantes do Equipo de Goberno súmanse ás concentracións convocadas en todo o país pola plataforma “Parar la Guerra”

Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e outros membros do Equipo de Goberno do Concello participaron esta mañá na concentración contra a guerra en Oriente Medio que tivo lugar na Praza de España. O rexedor, xunto coa Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros e Concelleiras de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán, e Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, secundaron unha das 150 concentracións que se están a celebrar este sábado en todo o país convocadas pola plataforma Parar La Guerra baixo o lema: “Debemos parar a guerra en Oriente Medio e Non esquezades Gaza”.

A concentración en Monforte tivo lugar na Praza de España, ás 12.00 horas. Os asistentes amosaron o rexeitamento ao conflicto bélico recollido nun  manifesto que condena os ataques executados por EE.UU e Israel contra Irán, “que supoñen unha violación do dereito e a legalidade internacional. Son unha grave ameaza para a paz na rexión e un perigo para a paz mundial”. Así mesmo, continúa o texto, “condenamos con enerxía o réxime criminal dos aiatolás e o asasinato de miles de persoas nos últimos meses. Todo o noso apoio ao pobo iranio, en especial ás mulleres, na súa loita pola democracia e a igualdade. É o pobo iranio quen debe decidir o seu futuro”.

A plataforma Parar la Guerra fundouse en outubro de 2023 cun manifesto que denunciaba o xenocidio en Palestina. Actualmente está conformada por 130 organizacións, entre elas a Asociación Iraniana polos Dereitos Humanos, creada en 2009 e que loita por unha longa lista de causas, entre elas, a defensa das mulleres, contra as execucións e pola liberación dos presos políticos. Apoiaron as protestas contra o réxime en 2018 e 2019, así como todo o movemento "Mulleres, Vida e Liberdade" en 2022 tras o asasinato de Jina Mahsa Amini.