O Alcalde anuncia a convocatoria dos concursos de traxes medievais e decoración de balcóns e de negocios de comercio e hostalaría con motivo da XXII Feira Medieval

Monforte de Lemos, 16 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a convocatoria dos tres concursos de decoración e vestiario convocados con motivo da celebración da XXII Feira Medieval os vindeiros días 4 e 5 de abril. Desde este luns, 16 de marzo, e ata o 31 de marzo, está aberto o prazo de inscrición nos tres certames: o X Concurso de Decoracións de Balcóns, o XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros, e o XIII Concurso de Traxes Medievais.

Todas as persoas interesadas poden anotarse xa no Rexistro Xeral do Concello. As bases e os formularios de inscrición están dispoñibles na páxina web municipal e nas propias instalacións do Concello. A contía total dos premios ascende a 3.200 euros.

O obxectivo destes concursos, explica o Alcalde, “é animar aos monfortinos e as monfortinas, así como aos visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma” xa que, engade, “a colaboración da veciñanza é unha parte fundamental do éxito que acadamos con esta feira ano tras ano”.

 

X Concurso de Decoración de Balcóns

O obxectivo deste concurso é premiar aqueles balcóns de Monforte que polo seu enxeño e deseño medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar a participación e ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Tanto a temática como o deseño da decoración teñen que ser acordes coa época medieval. Deste xeito, os balcóns participantes deberán de estar engalanados como mínimo do 2 ao 5 de abril de 2026, datas nas que o xurado visitará os edificios e inmobles inscritos. Na valoración teranse en conta criterios como a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100. Concederanse tamén un máximo de tres accésits de 50€ cada un.

A decisión do xurado e a entrega dos premios realizarase o domingo 5 de abril, ás 19.00 horas, na Praza de España.

 

XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros

O obxectivo deste concurso é premiar aos establecementos de Monforte coa mellor ambientación medieval, e así incentivar a participación dos sectores do comercio e da hostalaría na ambientación e nos actos organizados con motivo da XXII Feira Medieval.

Do mesmo xeito que no concurso de decoración de balcóns, as bases deste certame establecen que a ambientación medieval deberá estar instalada, como mínimo, entre os días 2 e 5 de abril.

Na valoración teranse en conta criterios como a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.

Estableceranse tres premios, un primeiro dotado con 300 euros, un segundo con 200 e un terceiro con 100 euros, ademais dun máximo de tres accésits de 50 euros cada un.

A decisión do xurado e entrega de premios realizarase o domingo 5 de abril, ás 19.00 horas, na Praza de España.

 

XIII Concurso de Traxes Medievais

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a participación e a ambientación nos actos organizados con motivo desta festa de recreación histórica.

A participación no concurso require inscribirse oficialmente, con data límite do 31 de marzo, no Rexistro Xeral do Concello. Para este certame establécese unha contía total de 1.850 euros distribuídos nas seguintes modalidades.

Adultos:

  • Individual: 1º premio: 100€; 2º premio: 75€
  • Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 200€; 2º premio: 175€
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 300€; 2º premio: 225€
  •  

Infantil (ata 12 anos):

  • Individual: 1º premio: 100€; 2º premio: 50€
  • Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 150€; 2º premio: 100€
  • Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 225€; 2º premio: 150€

 

Para a valoración, o xurado terá en conta que sexan traxes realizados artesanalmente e criterios como a elaboración, a riqueza nos complementos, a posta en escena, o material utilizado e o rigor histórico. Tamén a permanencia do participante co traxe posto nos actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.

Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España o domingo, 5 de abril, ás 17.00 horas, onde estará o xurado para a valoración. A organización ou o propio xurado poderán excluír do certame calquera elemento que se considere perigoso (petardos, bengalas...), co obxecto de garantir a seguridade dos demais participantes e do público asistente.

Ás 19.00 horas desa mesma tarde coñeceranse os gañadores e entregaranse os premios, xunto cos dos certames de decoración de balcóns e decoración de establecementos comerciais e de hostalaría.

 

 BASES CONCURSO BALCÓNS

 BASES CONCURSO COMERCIOS E HOSTALERÍA

 BASES CONCURSO TRAXES MEDIEVAIS

 SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN EN CONCURSOS FEIRA MEDIEVAL