Monforte de Lemos, 17 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura do proceso de contratación por procedemento público dos servizos de comunicacións municipais que integran a telefonía fixa, telefonía móbil, datos e internet no Concello de Monforte e os seus centros dependentes durante un período de 4 anos, coa posibilidade de engadir un ano adicional de prórroga. O importe base da licitación ascende a 60.379€ anuais, e un custe estimado para os 5 anos de duración máxima do contrato de 301.895€ con ive. O prazo para presentar ofertas finaliza o 13 de abril de 2026.
O Alcalde explica que no actual contexto de avance das tecnoloxías de comunicación faise necesario dispoñer dun servizo integrado que englobe as diferentes prestacións. Trátase , polo tanto, dun contrato de provisión de servizos de comunicacións baseados nunha rede multiservizo única (voz e datos) que os licitadores deberán deseñar e implantar de forma tal que se garantan os acordos de nivel de servizo necesarios nas infraestruturas e nos propios servizos prestados sobre elas.
O obxectivo do contrato, indica o rexedor, “é manter, potenciar e mellorar os sistemas de comunicacións, impulsando o despregue da administración electrónica e as relacións coa cidadanía tanto no Concello de Monforte como nos seus centros adscritos”.
Para satisfacer as necesidades do Concello e modernizar a súa rede de comunicacións, o contrato dotará dunha rede virtual corporativa de voz e datos ás súas sedes principais.
A adxudicataria deberá proporcionar unha rede de datos privada baseada en tecnoloxía MPLS, con conexións seguras mediante accesos de fibra óptica, permitindo a interconexión dos distintos centros de forma privada.
Así mesmo, disporase de mecanismos de redundancia para garantir a continuidade do servizo ante posibles incidencias. Neste senso, a empresa que resulte adxudicataria, deberá asegurar os niveis de calidade e as medidas de seguridade adecuadas.