Monforte de Lemos, 18 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na mañá deste mércores, 18 de marzo, a mesa de seguridade na que se organizaron os dispositivos especiais de cara aos diferentes eventos que terán lugar en Monforte durante a Semana Santa, concretamente, a Procesión do Venres Santo, a Feira Medieval e a Procesión do Martes de Pascua. Na mesa participaron a Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, ademais do inspector da Policía Local, o Xefe de Bombeiros e varios técnicos municipais.
A mesa acordou reforzar a presenza dos efectivos de seguridade e de Protección Civil nos tres eventos, coa finalidade de garantizar que as celebracións poidan desenvolverse de forma segura.
3 de abril, Venres Santo
No caso do día 3 de abril, Venres Santo. A misa terá lugar na Igrexa de Santa María da Antiga, ás 19.00 horas, e estímase que a procesión dé comezo ás 19.45 horas, coa previsión de que dure unha hora. Este acto requerirá pechar o tráfico rodado nas rúas polas que discorre a procesión entre as 19.45 e as 21.00 horas. As vías afectadas son as seguintes:
Avenida de Galicia: Desde o inicio no cruce da rúa Ourense ata o cruce coa rúa Conde.
Conde: No tramo desde a Avenida de Galicia ata a Glorieta de Ponte Fontecha.
Roberto Baamonde: Tramo desde a Glorieta de Ponte Fontecha ata o cruce con Julio Camba.
Praza Ponte Fontecha: Completa.
Estacionamento Parque dos Condes: Permanecerá pechado durante o percorrido.
Cardenal: Pechada no tramo peonil.
Compañía: Completa.
Escultor Francisco Moure: Desde o inicio ata a confluencia coa rúa Sarria.
Na rúa Hortas so se poderá xirar en dirección á rúa Chantada durante o citado horario. Así mesmo, a Avenida de Galicia en sentido centro cidade estará cortada á altura do cruce coa rúa Conde.
4 e 5 de abril, XXII Feira Medieval
Durante a fin de semana da Semana Santa, Monforte acollerá a XXII Feira Medieval, un evento multitudinario con actividades espalladas polo centro urbano, e especialmente no Conxunto Histórico da cidade. A montaxe dos postos e instalación comezará o venres 3 pola tarde e demontaranse o domingo 5, a partir das 21.00 horas.
Haberá presenza de ambulancias e bombeiros no Paseo do Malecón, a subida a San Vicente e no Campo de San Antonio, que se verá reforzado con Protección Civil, además de servizo de seguridade privada con vixiantes en diferentes puntos do recinto da feira.
Os baños públicos estarán instalados no atrio da Régoa, no Campo de San Antonio e na rúa Armando Cotarelo.
Esta planificación manterase ata o final do evento, o domingo 5, pola noite. Durante a noite do sábado ao domingo, abrirase o paso desde o cruce da rúa Ourense ao Campo de San Antonio (non Méndez Casal) e, se a situación dos postos o permite, tamén o paso pola Praza Doctor Goyanes cara Doctor Casares.



7 de abril, Martes de Pascua:
O martes 7 de abril, Martes de Pascua, é festivo local en Monforte. Os actos comezarán ás 10.00 horas, coa concentración de autoridades e público asistente na explanada diante do Concello, na zona do cruceiro. A comitiva iniciará o percorrido cara a Igrexa de San Vicente, onde se celebrará a Misa, ás 11.00 horas.
A procesión sairá do templo arredor das 11.30 horas e desprazarase ata a capela do Campo da Virxe, con retorno ao mosteiro. Trala finalización dos actos, a comitiva baixará cara a Praza de España.
Deste xeito, entre as 10.00 e as 11.30h cortarase parcialmente o tráfico na subida cara a San Vicente desde o Campo da Virxe, permitíndose únicamente o paso de vehículos que trasladen a persoas con mobilidade reducida e que non poidan subir a pé. Entre as 11.30 e as 12.30 horas, cortarase o tráfico completamente no citado treito para a celebración da procesión e acto de ofrenda.
