
Monforte de Lemos, 19 de marzo de 2026. Monforte quenta motores para a celebración da XXII Feira Medieval os vindeiros días 4 e 5 de abril e nos prolegómenos deste multitudinario evento está o Mercado para a Medieval, unha cita xa tradicional e que terá lugar esta fin de semana no recinto expositivo da Praza de Abastos, concretamente os días 21 e 22 de marzo.
Tal e como avanzou o Alcalde a pasada semana na presentación do Cartel oficial da XXII Feira Medieval, o Mercado contará con 12 postos de venta con produtos especializados no medievo: traxes confeccionados artesanalmente tanto para adultos como para público infantil, bixutería, complementos, servizos de perruquería e maquillaxe, gastronomía, repostería e decoración. Todo elo permitirá aos monfortinos e monfortinas, así como ás persoas visitantes, adquirir os produtos necesarios para ambientar e lucir as mellores galas nesta nova edición da Feira Medieval.
Expositores Mercado para a Medieval 2026
Eventos: Cosa de Dos Eventos
Traxes medievais: Telas Merce, Gnomos, Maite Maya e Coser Cosiendo
Peiteados e maquillaxes: Yola
Tocados e coroas de flores: Lara Vázquez by Yola Peluquería y Estética
Bisutería Swarovski: Bisutetoka
Calzados e complementos: Calzados Aira
Bolsos e complementos: Chuladas y Más
Artesanía en coiro: Cuir and Telas
Cosmética natural: Lembranzasdapel
O Mercado contará tamén cun espazo dedicado á decoración e ambientación para hostalería e restauración coa presentación de diferentes propostas de decoración de terrazas e comedores, con diferentes estilos, formatos de mesa e vaixelas. Profesionais do sector de eventos estarán tamén presentes para asesorar aos empresarios de hostalería e hoteleiros na caracterización e ambientación dos seus establecementos durante a celebración da Feira Medieval.
Así mesmo, será no marco deste Mercado cando o propio Alcalde, José Tomé Roca, presente o programa completo da XXII Feira Medieval, concretamente na inauguración do evento, o sábado 21, ás 11.30 horas. Polo de agora, o rexedor avanzou que o mercado medieval contará con 140 postos de todas as variedades de artesanía medieval.
Os horarios do Mercado para a Medieval son os seguintes:
- Sábado 21 de marzo: de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.
- Domingo 22 de marzo: de 11.00 a 14.00 horas y de 17.00 a 20.00 horas.
Desfile de traxes e dispositivo de tráfico
Un dos momentos destacados do programa é o “Desfile de Traxes Medievais e Complementos”, que terá lugar o sábado, 21 de marzo, ás 18.30 horas. Este evento realizarase no exterior do Mercado da Praza de Abastos, na rúa Bailén, sempre e cando o tempo acompañe. En caso contrario, desenvolverase no interior do recinto.
Para a celebración deste desfile será necesario pechar o tráfico de vehículos na rúa Bailén ata a parte alta da Praza de España (no enlace coa rúa Santo Domingo) e na rúa Panaderías. O corte producirase desde as 17.00 horas (para permitir a montaxe e preparativos) ata as 20.00 horas.
Deste xeito, na rúa Santo Domingo so se poderá circular en dirección subida a San Vicente, excepto no tramo entre o Campo da Virxe e a Porta da Alcazaba, polo que tamén poderán baixar os usuarios que teñan como destino as rúas Falagueira e o entorno do Cárcere Vello.
Concurso de doces
Como en edicións anteriores, convócase o concurso de repostería e pastelaría “A polo mellor doce”, no que os visitantes poderá votar polo seu doce favorito en tres categorías: tradicional, innovador e creativo. A entrega de premios será o domingo 22, ás 13.00 horas, no propio recinto do Mercado. Tralo acto farase un sorteo entre as persoas que participaron na votación.
O Alcalde, José Tomé, anima a toda a veciñanza de Monforte a visitar este Mercado “para empaparse do ambiente previo a gran Feira os días 4 e 5 de abril e prepararse para revivir o noso pasado medieval”. Neste senso, destaca que a Feira Medieval de Monforte “é un evento consolidado no calendario festivo de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade”.