Monforte de Lemos, 21 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu esta tarde noite, na Praza de España, ás participantes do V Aquelarre das Meigas, un evento festivo e gastronómico que puxo o colofón á XVIII edición do certame gastroturístico “Estase Cocendo”, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), coa colaboración do Concello de Monforte.
As Meigas chegaron á Praza de España en torno ás 21.00 horas, tras desfilar polo centro de Monforte acompañadas pola batucada. Entre elas, a Tenente Alcalde, Gloria Prada, que como en anos anteriores, participou activamente nesta xuntanza.
Na recepción, o Alcalde estivo acompañado polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Comercio, Regina López. Tomé destacou que este Aquelarre clausura “por todo o alto” o Estase Cocendo, “unha iniciativa que ten todo o apoio do Concello de Monforte porque dinamiza a economía local e enche de ambiente as rúas da nosa cidade”. Neste senso, recoñeceu e agradeceu a gran labor das Meigas organizadoras: “Tedes moito que ver no éxito diste evento que vemos medrar ano tras ano. Co voso traballo, este Aquelarre é mellor cada edición e un importante reclamo de visitantes para Monforte”, dixo.
O Alcalde pechou a súa intervención ratificando o apoio do Concello a esta actividade “xa consolidada e que convive perfectamente co Mercado para a Medieval que estamos celebrando na Praza de Abastos de cara á próxima Feira Medieval, os días 4 e 5 de abril”.