
Monforte de Lemos, 20 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe en rolda de prensa o inicio do procedemento para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, que marcará “un antes e un despois no futuro de Monforte”, apuntou. O rexedor indicou ante os medios de comunicación que este paso dado polo seu Equipo e Goberno está na liña da xestión que leva facendo desde a súa chegada ao Goberno local, en 2015: “Cumprir coa palabra dada aos veciños e veciñas de Monforte, demostrando que o que comprometemos facémolo, e cumprímolo. Un dos compromisos que levábamos no programa electoral era continuar cos traballos e estudos previos para elaborar o PXOM e, unha vez máis, imos cumprir a palabra”.
Con este propósito, na incorporación de remanentes que o Equipo de Goberno levará ao pleno do vindeiro 30 de marzo, irá unha partida orzamentaria destinada á primeira anualidade dos traballos de redacción do Plan Xeral, por un importe de 150.000€. “Orzamentar o custe dos traballos técnicos é o primeiro paso para elaborar o PXOM, xunto con voa vontade decidida de levalo a cabo”, indicou Tomé.
Máis de medio millón de euros “tirados no caixón”
Neste senso, recordou que gobernos anteriores “tiraron no caixón” dous Plans Xerais que supuxeron un custe de 502.353,50 euros, “o que significa tirar o diñeiro público, non ordenar o territorio municipal, nin actualizar as normas urbanísticas”. Refírese, concretamente, ao plan contratado en 2003 polo ex Alcalde Nazario Pin que foi paralizado en 2006 polo entón rexedor Severino Rodríguez sen que se resolvesen as alegacións, e o contratado por este último en 2008 e retirado en 2013 tamén en fase de alegacións.
“Se se tivera feito calquera deses dous Plans Xerais no 2006 ou no 2013, aforraríamos moito diñeiro e teríamos unha ordenación actualizada do noso Concello, pero lamentablemente non foi así, porque púxose por diante o interese partidario antes que o interese xeral”. Neste senso, o Alcalde puxo en valor a xestión do seu Equipo e deixou claro que os tempos cambiaron e, “agora si, agora cúmprese a palabra e execútanse os proxectos que se comprometen”.
Obxectivos do novo PXOM
En relación cos obxectivos do novo Plan Xeral, o Alcalde destacou a adecuación das actuais normas urbanísticas á legalidade vixente e indicou que recollerá a evolución da cidade e do medio rural nas últimas catro décadas.
“O PXOM deseñará a cidade e os núcleos rurais do futuro, proxectará un crecemento armonizado de Monforte e ordenará a potencialidade industrial do noso Concello para seguir medrando en poboación, social e económicamente”, indicou.
O rexedor recalcou que para a elaboración do PXOM “fai falta a colaboración de todos os monfortinos e monfortinas, poñendo o interese xeral por enriba dos lexítimos intereses particulares, e tamén é fundamental a colaboración das administracións públicas que terán que emitir informes sectoriais antes de chegar á fase de aprobación definitiva”.
Custes e prazos
Tralas consultas realizadas a distintas empresas especializadas na elaboración de Plans Xerais para Concellos, o resumo medio de custes e de prazos para a cartografía e redacción do PXOM de Monforte, tendo en conta o que establece a Lei do Solo de Galicia, particularmente no seu artigo 60, sería aproximadamente de 859.100€ cunha duración total de 66 meses e seis fases de execución:
FASE 1: Elaboración de cartografía válida para o planeamento de todo o territorio municipal, incluíndo áreas rurais e urbanizadas
Duración: 6 meses
Importe parcial: 90.000 € [IVE non incluído]
FASE 2: Elaboración de Borrador e Documento Inicial Estratéxico [DIE]
Duración: 12 meses
Importe parcial: 155.000 € [IVE non incluído]
FASE 3: Elaboración de Documento para Aprobación Inicial Duración: 12 meses
Importe parcial: 155.000 € [IVE non incluído]
FASE 4: Elaboración de Estudio Ambiental Estratéxico [EAE] e Proposta do Plan
Duración: 18 meses
Importe parcial: 155.000 € [IVE non incluído]
FASE 5: Elaboración de Documento para Aprobación Provisional
Duración: 6 meses
Importe parcial: 46.500 € [IVE non incluído]
FASE 6: Elaboración de Documento para Aprobación Definitiva
Duración: 12 meses
Importe parcial: 108.500 € [IVE non incluído]
Así, o rexedor confirmou que nos próximos días comezaranse a redactar as bases técnicas e administrativas baseadas nas prescricións técnicas aprobadas pola Xunta de Galicia “para licitar o concurso aberto polo importe de 859.100 euros, distribuídos en 6 fases e 6 anualidades, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas”.
“Agora si”, concluíu, “se os monfortinos me dan o seu apoio para seguir sendo Alcalde, Monforte terá PXOM, respondendo ao interese xeral para seguir crecendo en todos os aspectos, como ven ocorrendo nos últimos anos, que creo que ese é o obxectivo de todos”.