O teatro escolar regresa á Casa da Cultura co XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte

Monforte de Lemos, 26 de marzo de 2026. O teatro escolar regresa un ano máis ao escenario da Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte. O Concello, a través da súa Concellería de Cultura, organiza o XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte que se celebrará do 20 de abril ao 20 de maio de 2026.

No certame poden participar todos os centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa peza teatral. Tamén terán un espazo, en calidade de convidados, outras asociacións ou colectivos locais que soliciten e que obteñan a correspondente autorización por parte do Concello de Monforte.

Desde o Equipo de Goberno destacan o éxito que este certame ven acumulando, edición tras edición. O curso pasado conformaron o programa seis centros educativos e una ANPA, acadando unha alta participación de escolares e gran afluencia de público. De feito, este é un dos certames municipais máis lonxevos, con máis de tres décadas de historia desde que comezou a súa andadura en 1991.

O obxectivo desta cita educativa e cultural non é outro que desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

 

Últimas horas para inscribirse

As solicitudes de inscrición para a participación neste certame presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte con data límite este venres 27 de marzo. Todos os participantes no certame teñen que pertencer ao centro que representan. A documentación a presentar debe incluír o título da obra, autor, reparto, nome do director, sinopse e duración da obra. A peza terá unha duración mínima de media hora e deberá ser estreada no propio certame.

As representacións faranse no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ás 20.00 horas en datas a determinar polo Concello e os centros de ensino nunha reunión que terá lugar o 13 de abril nas instalacións do Concello, ás 10.00 horas.

 

Aportación municipal de 200 euros e premios para os participantes

Tal e como recollen as bases, o Concello colabora cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros. Os premios consisten na gravación en Pendrive das obras representadas, que serán entregadas aos centros inscritos, xunto cun diploma acreditativo da participación.

A entrega de premios realizarase no salón de actos da Casa da Cultura o 27 de maio, ás 18.00 horas.