Monforte de Lemos, 27 de marzo de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, supervisou na mañá deste venres as obras de renovación integral da Praza da Estación que está executando ADIF. O rexedor, acompañado polo Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, comprobou xunto co responsable da empresa adxudicataria o estado dos traballos centrados, na xornada de hoxe, no asfaltado da praza.
Este proxecto, que supón a remodelación integral da praza e unha mellora moi significativa da accesibilidade da que se beneficiarán os usuarios da Estación de tren e os veciños, é froito das xestións levadas a cabo polo Alcalde co ADIF: “Grazas a estas negociacións os usuarios da Estación de tren de Monforte, así coma os veciños e veciñas da cidade, poderán acceder a mesma a través dunha praza totalmente renovada e accesible, e desfrutarán tamén de melloras importantes no Edificio de viaxeiros e nas plataformas das vías do tren”, salienta José Tomé Roca. A inversión supera os 2M€.
As actuacións de mellora proxectadas “por solicitude expresa do Concello de Monforte” consisten na renovación dos pavimentos e beirarrúas, construción de novas medianas axardinadas incluíndo a glorieta Pablo Iglesias, reforzo e renovación da iluminación, rede de saneamento separativa exterior na zona da praza, equipamento e señalética.
Comprobado o avance e bo ritmo dos traballos, o Alcalde sinalou que a remodelación da praza estará rematada nesta primavera, arredor do mes de maio: “Hoxe mesmo acabarán co asfaltado e resta completar una parte das beirarrúas e o pintado da sinalización”.
Detalle das actuacións
Concretamente, o proxecto contempla o tratamento xeral da praza delimitando a zona de paso de peóns e organizando a circulación de vehículos e prazas de aparcamento. Inclúese un punto de recarga de vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas (kiss & ride).
Ademais da renovación dos pavimentos, beirarrúas e novas medianas axardinadas, as actuacións supoñén tamén un reforzo e renovación da iluminación, rede de saneamento separativa exterior na zona da praza, equipamento e señalética.
Estas obras son independentes das que tamén executa o ADIF no conxunto da Estación do tren e que supoñen importantes melloras tanto no edificio como nas plataformas das vías.