O Concello de Monforte súmase o sábado á iniciativa de WWF “A Hora do Planeta”

Monforte de Lemos, 26 de marzo de 2026. O Concello de Monforte de Lemos súmase este sábado á iniciativa de WWF “A Hora do Planeta”, unha iniciativa que cada ano mobiliza a miles de persoas, institucións e entidades en todo o mundo para sensibilizar sobre a crisis climática e a perda de biodiversidade. A acción consiste en apagar a luz de edificios e espazos emblemáticos do Concello durante unha hora, un xesto simbólico e sinxelo, pero poderoso, xa que envía unha mensaxe clara á cidadanía en relación coa importancia e necesidade de actuar contra o cambio climático.

“A Hora do Planeta” é unha acción colectiva que comezou hai 20 anos en Sídney como campaña de sensibilización sobre o cambio climático que pretendía mobilizar á cidadanía para apagar simbolicamente as luces de toda a cidade durante unha hora. Na actualidade, é o maior movemento global polo clima e a natureza que une a millóns de persoas apagando de forma simultánea as luces a aparatos eléctricos para lembrar que a acción colectiva conduce ao cambio real.

A iniciativa levarase a cabo este sábado, 28 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o Concello súmase un ano máis a esta acción colectiva apagando a iluminación da fachada do Convento de Santa María da Antiga desde a Explanada da Compañía e do Conxunto Monumental de San Vicente incluíndo a Torre da Homenaxe. Así mesmo, anima á veciñanza, negocios e tecido asociativo a participar tamén nesta acción colectiva.   

No o Equipo de Goberno, indica, “estamos convencidos de que o espírito da Hora do Planeta é máis necesario que nunca para transmitir unha mensaxe de esperanza, unidade e colaboración ante as grandes ameazas que tamén afronta a humanidade, como o cambio climático ou a destrución da natureza”. O rexedor engade que “este acto simbólico ao que nos unimos este sábado pretende concienciar da necesidade de facer un uso responsable da enerxía e de implicarnos todos na loita contra o cambio climático reducindo as emisións de CO2”.

 

A Hora do Planeta

“A Hora do Planeta” naceu en Sídney no ano 2007 como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de edificios e monumentos durante unha hora.

Hoxe en día, moitos anos despois, mobiliza a millóns de persoas en case 200 países un día ao ano durante o mes de marzo en defensa do fogar que compartimos: a Terra.

Este día recórdanos que a natureza é o noso sistema de soporte vital, que nos brinda todo o que necesitamos, desde o aire que respiramos ata a auga que bebemos e os alimentos que comemos e que debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, ao mesmo tempo, a nosa propia saúde e benestar.