
Monforte de Lemos, 28 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou o remate das obras de prolongación e apertura da rúa Roberto Martínez Andrade, que agora conecta as rúas Chantada e Santiago. Os traballos, adxudicados á empresa Extraco por un importe de 132.190 euros, están practicamente finalizados, pendentes do pintado das marcas viais de sinalización horizontal e estacionamento.
A prolongación ten unha lonxitude total de 57 metros, cun ancho medio de 12,14 metros e unha superficie de 692 m2. A urbanización do novo tramo supón a creación de dúas beirarrúas peonís en ambos os lados da vía, de entre 1,20 e 1,50 metros de anchura, aproximadamente, e unha calzada central, de entre 6,90 e 9,30 metros de ancho, na que se situarán 2 carrís, un para cada sentido de circulación, e unha zona de aparcamento en liña nun dos lados, incluída a parte da rúa xa existente.
O novo tramo dotouse dos servizos de saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e telecomunicacións. Así mesmo, construíronse os peches das parcelas afectadas e colocáronse portas de acceso en cada unha delas.
A actuación rematará nos próximos días co pintado das marcas viarias correspondentes, incluíndo o tramo da rúa existente. Tamén se colocará un sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago, para os vehículos que circulan por esa vía procedentes da rúa Chantada.
O Alcalde, José Tomé, destaca que a ampliación deste vial forma parte do programa de mellora das infraestruturas da cidade: “É un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, que supón seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte”. Despois de moitos anos, engade o rexedor, “este Equipo de Goberno consegue eliminar outro tapón urbanístico rematando a urbanización da rúa Roberto Martínez Andrade, igual que fixemos en Rof Codina”.