O Alcalde anuncia a convocatoria do XXI Concurso de deseño de Carteis das Festas Patronais 2026, dotado con 1.000 euros

Monforte de Lemos, 30 de marzo de 2025. Xa está en marcha a maquinaria para a celebración dunha nova edición das Festas Patronais de Monforte, o vindeiro mes de agosto. Este mesmo luns, o Alcalde, José Tomé Roca, ven de anunciar a convocatoria do XXI Concurso de Deseño de carteis das Festas Patronais 2026, co fin de escoller o cartel anunciador das grandes festas do verán.

“Dende o Concello animamos a todos os artistas a participar nesta convocatoria, co obxectivo de acadar un bo cartel, con calidade técnica e artística, para as nosas Festas Patronais”, indica o rexedor. A finalidade deste certame non é outra que lograr un cartel anunciador creativo e con impacto visual “que anime a todo o mundo a achegarse no mes de agosto a nosa cidade a desfrutar das nosas festas, ensalzando así un evento que é moi importante para a nosa sociedade e para os nosos sectores económicos”, engade José Tomé.

 

As bases do concurso xa están publicadas na páxina web do Concello e o prazo para presentar os deseños orixinais esténdese ata o 5 de maio de 2026.

 

Requisitos a cumprir para a presentación dos deseños

Aqueles interesados en concursar neste certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.

Tal e como recollen as bases, quedan excluídos do certame os gañadores das dúas edicións anteriores deste concurso, coa intención de non reincidir, podendo facelo en edicións próximas.

Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2026”, distribuído do xeito que escolla o autor ou autora.

A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte ata o 5 de maio de 2026, e non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.

As obras non levarán o nome do autor ou autora de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.

 

Un único premio

Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2026, ademais da cantidade de 1.000 euros para o autor ou autora do deseño, impostos incluídos.

O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador, corresponderá ao autor ou autora, non obstante a concesión do premio levará consigo a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, informáticos, multimedia e telemáticos.

O Concello poderá exercer os seus dereitos libremente, sen limitacións de tipo temporal ou territorial, sen que en ningún caso sexa necesaria a autorización do autor, que non terá dereito a ningún tipo de remuneración, percepción, participación, compensación nin indemnización por razón de ese exercicio nin da cesión de dereitos.

Do mesmo xeito, o Concello de Monforte quedará autorizado expresamente para divulgar o traballo gañador na forma e polos medios que considere máis oportunos e poderá exercer os seus dereitos sobre un fragmento ou parte do traballo, podendo adaptalo se fose necesario.

O gañador ou gañadora do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte, e se é o caso das entidades patrocinadoras.

O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados realizada polo xurado quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición, serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Estes responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

O Xurado do concurso, designado na Xunta de Goberno deste luns, 30 de marzo, está composto por un presidente, 4 vogais en representación de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos, e como secretario o técnico de Cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso.

A decisión do xurado farase pública o luns 11 de maio de 2026.

 

Criterios de selección e puntuacións máximas

Co fin de que as cualificacións do xurado sexan obxectivas, cada criterio terá unha valoración de entre 0 e 10 puntos, cun máximo de 90 puntos por xurado. Os criterios de selección e valoración son os seguintes:

Temática e relación coa cidade de Monforte e as súas festas

  • Mellor deseño gráfico
  • Tratamento das cores e tipo de letras
  • Diferentes usos do texto e das imaxes
  • Calidade técnica
  • Calidade artística
  • Impacto visual
  • Creatividade
  • Orixinalidade no deseño da montaxe

A participación no Concurso implica a total aceptación das presentes bases. A súa interpretación corresponde exclusivamente ó Xurado, o cal poderá deixar deserto o premio establecido. En caso de empate decidirá o voto de calidade do Presidente do Xurado.

 BASES