Monforte de Lemos, 2 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este mércores na plantación de novas árbores no Parque do Hospital, entre elas, un cedro e un magnolio. O rexedor, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, supervisou os traballos realizados por membros da brigada de Parques e Xardíns da Concellaría de Medio Ambiente.
O magnolio plantouse pegado ao recinto de xogos infantís, rodeado xa deste tipo de árbores, coa finalidade de dar sombra neste espazo de divertimento dos nenos e nenas. Para a parte central dunha das zonas de céspede escolleuse un cedro, xa que é unha árbore de gran porte, con copa ampla, idóneo para xardíns de gran superficie.
Con estes novos exemplares, o Parque do Hospital gaña arborado nas súas zonas verdes e axardinadas nas que xa existen, desde a súa construción, árbores de diferentes especies: Acer platanoides, Cedrus libani, Ginkgo biloba, Liquidambar styraciflua, Liriodendron tulipifera, Magnolia grandiflora, Prunus serrulata e Tilia platyphylos.
Un parque de 8.500 m2
O Parque do Hospital está situado na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, rúas Corredoira e Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde, nunha extensión de algo máis de 8.500 metros cadrados.
Conta con varias zonas de céspede dotadas de mobiliario urbano, área de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, unha zona de elementos biosaudables de ximnasia e aparcamento con 64 prazas.
O rexedor indica que, coa plantación destas árbores, “aportamos máis sombra nun espazo de lecer e divertimento para os pequenos que dá servizo aos residentes da zona, pero que tamén é moi utilizado polo resto de veciños e veciñas de Monforte xa que se trata dun parque moi amplo e completo, cunha boa zona de aparcamento”.