
Monforte de Lemos, 5 de abril de 2026. A Feira Medieval de Monforte despediu este domingo a súa XXII edición cunha xornada chea de actividades festivas e culturais de recreación histórica na que, novamente, as rúas e prazas da cidade estiveron ateigadas de xente que desfrutou dunha fantástica viaxe ao pasado medieval.
No marco do programa, esta tarde entregáronse os premios dos concursos de traxes medievais e decoración de balcóns e establecementos convocados polo Concello de Monforte co obxectivo de dinamizar e potenciar a participación neste evento. Para elo, establécense tres certames independentes aos que se destina unha contía máxima de 3.200€: X Concurso de Decoración de Balcóns, o XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros, e o XIII Concurso de Traxes Medievais.
Na tarde deste domingo, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado da Tenente Alcalde, Gloria Prada, fixo entrega dos premios correspondentes nun acto que tivo lugar na Praza de España. O rexedor agradeceu a participación de todos os inscritos e felicitou aos gañadores. A finalidade destes concursos, indica Tomé Roca, “é animar aos monfortinos e as monfortinas, así como aos visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma, xa que a súa colaboración é unha parte fundamental do éxito que acadamos ano tras ano con esta feira”.
X Concurso de Decoración de Balcóns
O obxectivo deste concurso é premiar aqueles balcóns de Monforte que polo seu enxeño e deseño medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar a participación e ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Tanto a temática como o deseño da decoración teñen que ser acordes coa época medieval, e na valoración téñense en conta criterios como a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.
1º PREMIO (200€): Local social A Pinguela, a cargo da Asociación Veciñal A Pinguela.
2º PREMIO (150€): AFAMON, Asociación de familiares de persoas con Alzheimer, rúa Doctor Casares.
3º PREMIO (100€): José Antonio Dávila Rodríguez. Ribasaltas.
Accésit (50€): Asociación Española Contra o Cancro de Monforte. Cardeal, 15.
XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros
O obxectivo deste concurso é premiar aos establecementos de Monforte coa mellor ambientación medieval, e así incentivar a participación dos sectores do comercio e da hostalaría na ambientación e nos actos organizados para a Feira Medieval.
Valórase a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.
1º PREMIO (300€): Carpe Diem.
2º PREMIO (200€): Chuladas y más.
3º PREMIO (100€): O Salgueiral.
Accésit (50€): Liliana Margarita.
Accésit (50€): Pizzería Versalles.
XIII Concurso de Traxes Medievais
O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas coma nos visitantes, a participación e a ambientación nos actos organizados con motivo desta festa de recreación histórica.
ADULTOS:
Individual:
1º PREMIO (100€): Julita Berreiro Cano.
2º PREMIO (75€): Rebeca Galván Segura.
Parellas (2 compoñentes):
1º PREMIO (200€): Montserrat Varela Ons e Asier Castro Varela-Ons.
2º PREMIO (175€): Esther Fraile Hernández e Raúl Pérez Hernández.
INFANTIL (ata 12 anos):
Individual:
1º PREMIO (100€): Sol Galván Segura.
Parellas (2 compoñentes):
1º PREMIO (150€): Mateo e Leo Díaz Uceira.
2º PREMIO (100€): Ana e Elisa López Pérez.
Trala entrega de premios, continuou o programa de actividades co desfile do Gran Dragón polas rúas do burgo medieval e o espectáculo Vulcano, unha actuación de danza e lume na Praza de San Antonio que pechou a edición máis multitudinaria da Feira Medieval de Monforte.