Monforte de Lemos, 6 de abril de 2026. Rúas e prazas ateigadas de xente, ambientación musical e festiva ininterrompida, exhibicións de cetrería, xustas entre cabaleiros, mercado medieval e unha variada oferta gastronómica. Monforte viviu esta fin de semana unha Feira Medieval espectacular. “Un éxito rotundo”, en palabras do Alcalde, José Tomé Roca, que fai un balance “moi positivo” da vixésimo segunda edición deste evento festivo e que xa na xornada inaugural cualificou como “unha das mellores festas de recreación histórica do noroeste peninsular”.
O rexedor destaca que a celebración “levouse a cabo sen ningún tipo de incidencia salientable, o que é moi importante tendo en conta que foi multitudinaria, con milleiros de persoas, tanto de Monforte como de visitantes, que encheron a cidade”. Neste senso, Tomé Roca quere agradecer a implicación da veciñanza na celebración que se desenvolveu acompañada dunha excelente climatoloxía: “Acompañou o tempo e acompañaron os monfortinos e monfortinas que se implicaron co evento saíndo cos traxes de época e participando de todas as actividades que tiñamos programadas”, indicou.
Espectáculos como as xustas de cabaleiros no campo de terra dos Escolapios, os pasarrúas con música e personaxes fantásticos, as actuacións na Praza de España ou desfile do Gran Dragón acadaron unha importante afluencia de público, con especial mención ao desfile de antorchas e solta de faroliños en San Vicente. “A xornada do sábado foi espectacular desde o momento da inauguración pola mañá ata a noite, que pechamos coa solta dos faroliños en San Vicente, que ademais foi un acto tremendamente emotivo e moi bonito”, indica o Alcalde. “Tamén o domingo foi moi especial, con animación de rúa que mantivo moi bo ambiente durante toda a xornada”, engade.
“Un éxito como o que acabamos de vivir non fai mais que animarnos a continuar traballando por Monforte e por esta Feira Medieval que ten máis que merecida a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, consideración que agardamos celebrar na próxima edición que será a número 23”, conclúe o Alcalde.